Evento: Leilía

Leilía
xoves, 27 agosto, 2015 - 21:00
CEIP Cordo Boullosa,
Ponte Caldelas

Leilía

Concerto para poñerlle banda sonora as actividades ao redor do xacemento de arte rupestre de Tourón

As actividades ao redor do xacemento de arte rupestre da área arqueolóxica de Tourón contan cunha banda sonora, a que lle pon o grupo Leilía. A formación naceu en 1989 da man de seis mulleres co propósito de recuperar do esquecemento a música de tradición oral de Galicia.

Daquela, foi unha aposta pioneira e atrevida, que axiña tivo a súa recompensa internacional grazas á súa beleza e singularidade. Na actualidade, Leilía é un referente tanto para os que queren achegarse á música orixinal de Galicia como para os que buscan a fusión da tradición con sons e instrumentos contemporáneos. Máis de 25 anos sobre os escenarios, cinco discos publicados, unha chea de colaboracións con artistas e grupos como Kepa Junquera, Milladoiro, Emilio Cao, Os Diplomáticos de Monte Alto ou Budiño, e ducias de concertos por todo o mundo.

Tras o concerto,  entre lusco e fusco, visita guiada polo arqueólogo Santiago Vázquez Collazo á área arqueolóxica e visionado nocturno dos petróglifos. Ademais, Pablo Martínez Alemparte, arqueólogo e especialista en astronomía, guiará os asistentes polo firmamento e axudaralles a establecer conexións co xacemento.

A participación en todas as actividades e concertos de Monumenta é libre e de balde.
 

 

Descargas

Máis eventos de tipo Concerto

Nebra en Concerto
13 de decembro
Biblioteca Pública de Lugo
Alalás e Cantigas do Camiño de Santiago
14 de decembro
Igrexa de Santa Mariña