Evento: Peza do mes: Urna de Cameixa
Peza do mes: Urna de Cameixa
A presentación pública terá lugar o 11 de decembro ás 20:00 h, na sala de exposicións "Escolma de escultura", con entrada libre.
Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos (neste caso, dos arqueolóxicos) para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.
A peza protagonista deste mes aparece na campaña de escavacións de 1997 a cargo de Manuel Santos Estévez, nunha zona próxima ao coñecido castro de Cameixa (Boborás, Ourense), que xa fora escavado por Florentino López Cuevillas e Xoaquín Lorenzo Fernández nos anos corenta. Un recipiente atípico, sen paralelos tipolóxicos claros nos xacementos da Idade do Bronce do noroeste peninsular.
No seu interior, acháronse sedimentos que, dado o contexto onde apareceu, pechado e delimitado, considérase unha deposición orixinal. Trátase dun gran recipiente cerámico de paredes grosas e decoración plástica, de 19,5 litros de capacidade e 44 cm de diámetro, e que forma parte da diversidade do mundo funerario no NO a partir do último terzo do III milenio a.C.
A publicación virtual sobre esta peza está dispoñible nesta ligazón do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar sobre as súas características, cunha descrición máis pormenorizada, a reflexión sobre as súas funcionalidades ou o contexto arqueolóxico no que se levou a cabo o achado, nun estudio a cargo, neste caso, de Belén Lorenzo Rumbao.
Máis eventos de tipo Xornada/Congreso