Nova: Os actos conmemorativos do Día dos Museos alónganse durante toda a semana
19/05/2015
Os actos conmemorativos do Día dos Museos alónganse durante toda a semana
Os espazos museísticos xestionados por Cultura celebran esta data con visitas teatralizadas, xornadas de portas abertas, concertos e obradoiros, entre outras actividades
Santiago, 19 de maio de 2015.- Co gallo da celebración do Día Internacional dos Museos, o 18 de maio, a Consellería de Cultura e Educación deseñou unha serie de actividades específicas nos dez museos que son de xestión directa súa, que comezaron esta fin de semana e que se alongarán durante todos estes días.
Así, a partir de hoxe martes e ata o día 22 deste mes o Museo das Peregrinacións e de Santiago, que onte visitou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, acollerá visitas teatralizadas para alumnado de secundaria, nas que a compañía TEP Teatro en Punto fará revivir “as Marías”, dúas figuras imprescindibles das rúas compostelás, para achegar os estudantes á historia da capital de Galicia. Ademais, este mes de maio o Museo estrea un novo formato de visitas dinamizadas aos fondos da súa colección, para lle descubrir ao alumnado de primaria e secundaria a historia e a arte dun xeito singular. Tamén, en horario 10 a 15 horas, prográmanse visitas guiadas de 30 minutos de duración que non precisan inscrición previa.
`Geocaching’ no CGAC
Doutra banda, o Centro Galego de Arte Contemporánea súmase dende o luns a esta celebración cunha xornada de portas abertas. Ademais, toda esa semana terá lugar o ‘geocaching’, unha actividade na que os xogadores buscan ou agochan tesouros (cachés) ocultos. Para atopalos, o público mergullarase nos diferentes espazos do CGAC e percorrerá as exposicións seguindo as pistas que se marcan nunha aplicación móbil gratuíta para tal fin. Tamén durante toda a semana, e seguindo o lema de “Museos para unha sociedade sustentable”, o Centro Galego de Arte Contemporánea quere representar a relación entre biodiversidade e a diversidade sociocultural mediante a entrega aos visitantes de plantóns procedentes de sementes ecolóxicas co obxecto de que cada persoa se encargue de froitificalas. Un taller de fotografía, charlas, conferencias e concertos completan a actividade do CGAC con motivo do Día Internacional dos Museos.
Portas abertas no Gaiás
Hoxe é outro día máis de portas abertas, que se suma ás da fin de semana. Por tanto, a entrada á exposición ‘Camiño. A orixe’ será de balde. E como a celebración desta data coincide co Día das Letras Galegas, ás xornadas de portas abertas e ás visitas guiadas á exposición súmanse as ‘Visitas Filgueira Valverde’, un percorrido no que descubrir a figura deste intelectual galeguista a través de varias pezas da mostra e xogos para gozar en familia.
Doutra banda, no Mupega desde o 18 e ata o 23 de maio, haberá visitas guiadas pola historia da educación ambiental e mais da sustentabilidade na aulas e nas escolas a través da súa colección.
Tamén se poderá visitar a exposición ‘O primeiro Picasso’, eixo da actividade do Museo de Belas Artes nestes días na Coruña, con visitas guiadas, talleres sobre o pintor dirixidas aos máis cativos.
Así mesmo o Museo Massó ofrecerá en Bueu, o venres 29 de maio, ás 20,30 horas, unha charla impartida polo arqueólogo Adolfo Fernández e a restauradora Marta Lago sobre a ánfora romana de San Martiño de Bueu, unha das pezas singulares do recinto.
Ademais de visitar as exposicións permanentes do Museo do Mar de Galicia, en Vigo, quen acudan poderán contemplar o impresionante esqueleto dun cachalote e un submarino orixinal, así como o acuario onde se mergullarán nun anaco dunha ría galega para ver algunhas das especias que nela habitan.
Precisamente ata o domingo día 24, os interesados poderán seguir desfrutando da exposición itinerante “Tierra, mar, aire” da Fundación Aena, que leva rexistrada unha grande afluencia de público ata o momento.
O Museo Etnolóxico de Ribadavia programa ata o 31 de maio obradoiros de fotografía para escolares dos concellos ourensáns, para dar a coñecer os seus fondos, que inclúen unha visita á área documental do museo e mais ao taller de restauración.
Pola súa banda o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense organiza xornadas de portas abertas desde hoxe martes ao 22 de maio, con visitas guiadas para grupos, ás 12 horas, ao Pazo do Bispo, previa inscrición. A programación do MAPOu completouse cunha actuación onte mesmo (efeméride propia da celebración do Día dos Museos) de Fernando Abreu (clarinete) e Pablo Carrera (guitarra), que presentan o seu traballo ‘Dous’. O mércores, día 20, haberá unha visita guiada ao parque de San Lázaro ás 12 horas e a presentación da ‘Peza do mes de maio’ –unha fotografía dos anos cincuenta do dito parque–, a cargo de Vicente Rodríguez García na sala de San Francisco,
O xoves, día 21 de maio, preséntase a exposición ‘Castros lucenses’, no Centro da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las. E o venres 22 terá lugar a actividade ‘Conversas no museo’, co Colexio de Arquitectos de Ourense, no Pazo do Bispo.
Todas estas actividades poden consultarse na Axenda do web www.cultura.gal: cultura.xunta.es/gl/axenda