Nova: A escultura atribuída ao Mestre dos Panos Mollados achada na catedral xa está exposta ao público

07/09/2017

A escultura atribuída ao Mestre dos Panos Mollados achada na catedral xa está exposta ao público

O conselleiro de Cultura explicou que a peza Figura masculina mutilada foi atopada no transcurso dos traballos de rehabilitación e se trata dun “novo agasallo que a Catedral compostelá, a modo de caixa de sorpresas, nos ofrece”

A escultura formará parte a partir do mes de outubro na mostra El poder del pasado. 150 años de arqueología en España, coa que se conmemora o século e medio do Museo Arqueológico Nacional

 

  • Catedral de Santiago de Compostela Catedral de Santiago de Compostela
  • Presentación da peza “Figura masculina mutilada” Presentación da peza “Figura masculina mutilada”
  • Presentación da peza “Figura masculina mutilada” Presentación da peza “Figura masculina mutilada”
  • Presentación da peza “Figura masculina mutilada” Presentación da peza “Figura masculina mutilada”
  • Presentación da peza “Figura masculina mutilada” Presentación da peza “Figura masculina mutilada”

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na Sala de Gramáticos na presentación da peza “Figura masculina mutilada”, un notable fragmento de escultura atribuído ao Mestre dos Panos Mollados, achado no curso da intervención arqueolóxica na parte baixa da Torre das Campás, que forma parte dos traballos fixados no convenio entre a Xunta de Galicia, o Ministerio de Hacienda, o Cabildo e a Fundación Catedral.

O conselleiro explicou que se trata dun “novo agasallo que a Catedral compostelá, a modo de caixa de sorpresas, nos ofrece” e cualificou o achado de “excepcional”. Así mesmo, aclarou que a peza permanecerá exposta uns días, “para viaxar despois a Madrid, onde formará parte da mostra El poder del pasado. 150 años de arqueología en España, coa que se conmemora o século e medio de actividade do Museo Arqueológico Nacional, que se celebrará neste centro entre outubro de 2017 e marzo de 2018.

Román Rodríguez fixo fincapé “na transcendencia dos traballos de rehabilitación que se están levando a cabo desde o ano 2015” ao abeiro do citado convenio, que supón un investimento de 17 millóns de euros e permitirán que no ano 2021, data do próximo Ano Santo Xacobeo, a basílica compostelá se amose ao mundo coa súa mellor cara. Canda o conselleiro, tomaron parte na presentación do ben descuberto o presidente da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo; e o director técnico e conservador do Museo da Catedral, Ramón Yzquierdo Peiró. Tamén asistiron ao acto informativo o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e a directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua.

Inminente exposición da escultura

Tras o seu achado, a peza ten sido sometida a unha profunda limpeza dos morteiros que tiña adheridos, traballo que correu a cargo do departamento de restauración da Fundación Catedral. Deste modo, tense preparado a obra, que queda pendente dunha restauración en profundidade, para que poda formar parte, a partir do próximo mes de outubro, da exposición El poder del pasado. 150 años de arqueología en España.

Tras a súa presentación, a peza quedará exposta ao público na Sala de Gramáticos do Pazo de Xelmírez até o día 11 de setembro en que viaxará a Madrid para a súa montaxe na citada exposición. Tras a súa clausura, exporase de forma permanente nas salas do Museo Catedral de Santiago que, en 2018, cumprirá o 90 aniversario da súa fundación.

O contexto do achado

O 10 de novembro de 2016, mentres se abría un muro na cámara sita na parte baixa da torre das Campás da Catedral, para poder retirar a imaxe do Mestre Mateo descuberta uns días antes enterrada na mesma zona, ao retirar os perpiaños que formaban o muro, encontrouse, empotrada no mesmo e reutilizada como material construtivo polo seu reverso, un fragmento dunha figura masculina.

A peza adscríbese polas súas características ao chamado Mestre dos Panos Mollados, enigmático artista ou taller activo na catedral ao redor do ano 1070. No Museo Catedral consérvanse outras tres pezas atribuídas ao mesmo autor ou taller. Entre todas elas, non obstante, hai un nexo común marcado polo traballo dos pregues e o tratamento das vestiduras, de clara influencia clásica e que ten o seu paralelo máis inmediato en traballos borgoñóns contemporáneos.

Hipótese inicial

Na Cripta do Pórtico da Gloria, nunha das claves do transepto, así como nalgúns dos seus capiteis, aparecen tamén as características sinaladas, moi distintas do traballo mateano co que comparten espazo. Isto serve para diferenciar ambas mans e, ao tempo, para relacionar ao Mestre dos Panos Mollados coa decoración escultórica da Cripta do Pórtico, á que poderían ter pertencido, tamén, as citadas pezas do Museo e este novo achado. O feito de que, a meirande parte das pezas atribuídas ao referido Mestre téñanse encontrado no entorno do Pórtico, parece confirmar esta posibilidade; se ben queda moito por coñecer sobre esa figura e a súa obra.

Comparte