Nova: A oitava edición de Música e arte. Correspondencias sonoras chega ao CGAC na semana dos museos

14/05/2018

A oitava edición de Música e arte. Correspondencias sonoras chega ao CGAC na semana dos museos

O ciclo presenta composicións musicais inspiradas polas obras artísticas que se expoñen no museo, acompañadas dun amplo programa complementario

O secretario xeral de Cultura destacou a incorporación de actividades didácticas ao proxecto, dada “a importancia da educación para crear unha sólida base cultural nas novas xeracións”

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2018.- A oitava edición do ciclo Música e arte. correspondencias sonoras chega a partir de mañá ao Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), no marco das celebracións do Día Internacional dos Museos, que ten lugar o 18 de maio. Esta iniciativa é un referente da creación musical contemporánea internacional que conta coa participación de compositores de todo o mundo, que crean novas obras a partir das exposicións do CGAC.

Trátase dun ciclo consolidado ao que, con cada nova edición, se tenta “proporcionarlle algún valor engadido, para seguir mellorando”, explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a presentación. “Con ese obxectivo e tendo en conta a importancia da educación para crear unha sólida base cultural nas novas xeracións -explicou-, nesta edición incorporamos actividades didácticas, como a realización de ensaios xerais abertos a escolares e actividades específicas para estudantes de música”.

No acto de presentación estiveron presentes, ademais do secretario xeral de Cultura, o director do CGAC, Santiago Olmo; Pablo Coello, de Vertixe Sonora, entidade que promove o ciclo; María Teresa Treccozzi, compositora do concerto que abre a programación, e o vicecónsul de Italia en Galicia, Francesco Milani.

Anxo Lorenzo aproveitou para lembrar “o papel do CGAC como entidade de referencia da arte contemporánea na nosa terra. No ano en que chega aos seus 25 anos de vida, coido que segue a desempeñar un papel fundamental no contexto artístico galego”.

Compositores procedentes de todo o mundo

Ademais das actividades didácticas que son novidade nesta oitava edición, terán lugar ensaios abertos ao público e conversas cos compositores, que permiten aos amantes da música e da arte contemporánea ter unha visión máis completa tanto dos concertos como das obras artísticas nas que se inspiran. O novo programa inclúe 13 novas obras de compositores procedentes de Alemaña, Arxentina, Canadá, Colombia, España, Estados Unidos, Israel, Italia, México e Rusia.

O ciclo comeza mañá martes 15 de maio, ás 20:30 horas con Magnetismo, un concerto que utiliza elementos teatrais e visuais a través das obras de Teresa Treccozzi (Italia, 1981) e Giovanni Santini (Italia, 1986).

Outras correspondencias sonoras

O palacio das tres historias, do artista Carlos Garaicoa, a súa contemplación das cidades, da arquitectura e dos soños subxacentes, serviu de inspiración para os compositores Hache Costa (España, 1980), Leonardo Idrobo (Colombia, 1977), Valentín Pelisch (Arxentina, 1983) e Jacques Zafra (México, 1986), incluídos no segundo concerto.

As relacións das series de conceptos memoria/historia/pasado e paisaxe/lugar/xeografías, presentes na exposición Xeografía do tempo, dos artistas Bleda y Rosa, son os referentes das composicións de Victoria Cheah (Estados Unidos, 1988), Ben Davis (Estados Unidos, 1992), Marta Gentilucci (Italia, 1973) e Or Shemesh (Israel/Alemaña, 1981), que serán estreadas no terceiro concerto.

Lesley Hinger (Canadá, 1983), Dariya Maminova (Rusia, 1988), Christian Märkl (Alemaña, 1979) e Daniel James Miller (Estados Unidos, 1989) son os compositores que participarán no cuarto concerto, inspirado na figura do artista portugués Julião Sarmento e que pechará o ciclo na edición de 2018.

Comparte