Nova: O Camiño de Santiago, no XX aniversario da creación do Grupo Compostela de Universidades

26/09/2014

O Camiño de Santiago, no XX aniversario da creación do Grupo Compostela de Universidades

A celebración do aniversario e xuntanza anual rematou coa cerimonia de entrega do XVIII Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia ao científico sueco Lennart Levi

  • Imaxe icona da cuncha do Camiño de Santiago Imaxe icona da cuncha do Camiño de Santiago

Poznan (Polonia), 26 de setembro de 2014.- Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acompañado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, impartiu unha conferencia na que destacou a relevancia do Camiño de Santiago para a transmisión de valores sociais e culturais ao longo de Europa, para rememorar os vinte anos de funcionamento desta rede de institucións universitarias. Ao acto tamén asistiu o reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño Rey, que tratou o papel dos tecidos interuniversitarios para o establecemento de sinerxías na educación superior. Ademais, no evento estiveron presentes máis de sesenta reitores, vicerreitores e outros representantes das 67 universidades participantes, entre as que se atopan as tres galegas, pertencentes a 28 países.

O responsable da consellería anunciou na súa intervención “que o Museo Centro Gaiás, da Cidade da Cultura, está a preparar para o vindeiro ano unha exposición sobre o Camiño de Santiago, na que a cidade de acollida estará presente cunha peza que presta o seu Museo Nacional”. “Trátase dunha peza singular, un sombreiro de peregrino que os expertos sitúan entre os séculos XVI e XVII, un exemplo da indumentaria histórica dun peregrino europeo.”, engadiu Vázquez Abad.

Políticas culturais públicas
O titular da consellería tamén afirmou que “o Camiño de Santiago, é unha fonte de inspiración para afrontar o desenraizamento e a perda de contidos culturais, polo que a súa protección implica unha concepción dinámica da historia xacobea, que evoluciona en función da conciencia e os intereses dos usuarios e as comunidades, condicionada así mesmo polos usos e aproveitamentos que se demandan”.

Váquez Abad, rematou a súa intervención promovendo “as Políticas Culturais Públicas, para o que é necesario a colaboración cos responsables dos eidos educativos, polo que os currículos europeos deben abordar un ensino orientado á aprendizaxe do noso legado patrimonial común, de como se fraguan e modifican as ideas que rexeron os destinos das civilizacións pasadas e como todo iso conecta co presente”.

Desenvolvemento da conmemoración
Ademais deste acto, no marco desta cita tratáronse asuntos internos da rede, celebráronse dous seminarios paralelos sobre investigación e mobilidade entre universidades e tivo lugar a primeira edición dos “Diálogos de Compostela sobre Educación Superior”. Esta iniciativa consistiu na celebración do primeiro dunha serie de eventos nos que se tratan de forma monográfica as liñas temáticas transversais de relevancia para as institucións de educación superior no plano global. Como conclusión, elaborouse e adoptouse unha posición conxunta dos 67 membros do Grupo Compostela, a “Declaración de Poznan”, co fin de achegala a institucións políticas e medios de comunicación para que xere un impacto social.

Galardón da edición
Como en ocasións anteriores, a xuntanza anual do grupo rematou coa cerimonia de entrega do Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia. Nesta ocasión o recoñecemento foi para o científico sueco Lennart Levi, a quen se lle recoñeceu a súa traxectoria interdisciplinaria na investigación sobre o estrés e outras enfermidades psicosociais. O profesor emérito do Instituto Karolinska doará a suma do premio, 6.000 euros, á ONG Médicos Sen Fronteiras.

O conselleiro destacou do galardoado “as contribucións á concienciación acerca do importante problema que o estrés supón nas nosas sociedades”, facendo fincapé “no labor pioneiro” deste autor que “leva máis de tres décadas ás súas costas de traballo neste eido”.

Vázquez Abad rematou a súa intervención cun chamado á atención sobre a importancia da Unión Europea “para traballar en prol da paz e da prosperidade, beneficiándose ao tempo da gran diversidade de culturas, tradicións e linguas do continente”.

Comparte