Nova: A Xunta de Galicia realizará obras de conservación na Torre da Fírbeda por valor de 53.000 euros
23/07/2019
A Xunta de Galicia realizará obras de conservación na Torre da Fírbeda por valor de 53.000 euros
A edificación, Ben de Interese Cultural situado na Porqueira (Ourense), experimentará melloras na cuberta a na carpintería existente
Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2019.- A Xunta de Galicia vén de publicar a licitación das obras de consolidación e conservación da Torre de Fírbeda ou da Forxa na Porqueira (Ourense), por un importe de preto de 53.000 euros. A Consellería de Cultura e Turismo levará a cabo esta intervención co fin de garantir a protección e conservación deste Ben de Interese Cultural con categoría de monumento.
Tras unha análise pormenorizada, detectáronse diversas patoloxías en relación co estado actual da cuberta e da carpintería existente, como perda de estanqueidade na parte acristalada ou tellas danadas entre outras. Deste xeito, en función das necesidades detectadas eliminarase a carpintería metálica da cuberta e as tellas e placas de fibrocemento con amianto, realizarase o illamento térmico, cubrirase a cuberta con tella cerámica curva, colocarase unha nova carpintería de madeira e substituirase o pararraios existente entre outras accións.
Estas obras de mellora deberán desenvolverse nun prazo de tres meses e a contratación das mesmas está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Testemuño do pasado
A Torre de Fírbeda ou da Forxa forma parte das torres defensivas da comarca da Baixa Limia xunto coa Torre da Pena en Xinzo de Limia, a Torre do Castro en Sandiás e a Torre de Ceme en Rairiz de Veiga. Todas elas resultan imprescindibles para servir de testemuño do pasado histórico a través do seu coñecemento e o estudo dos seus restos. Foron construídas nos séculos XI e XII co obxecto de impedir os intentos de invasión procedentes de Portugal. A Torre de Fírbeda conserva a súa aparencia orixinal do século XII e divídese verticalmente nun soto e catro plantas. Accédese a ela a través dun arco de oxival pola súa cara norte cunha escaleira construída no século XIX e o seu formato cadrado e a súa altura fan desta edificación un referente da paisaxe na que se enmarca.