Nova: Á venda as entradas para a tempada en Santiago de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas
19/11/2014
Á venda as entradas para a tempada en Santiago de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas
O espectáculo do Centro Dramático Galego culminará a súa xira galega no Salón Teatro, onde permanecerá en cartel do 9 ao 30 de decembro combinando os pases escolares cunha ampla campaña de Nadal para o público xeral
Esta produción de teatro e música para toda a familia, dirixida por José Caldas a partir da obra de Carlos Casares, está interpretada por Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde
A compañía pública estableceu un prezo especial de 3 euros para as nove representacións desta montaxe en Compostela na fin de semana do 13 e 14 de decembro e durante o período vacacional (días 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30)
Santiago, 19 de novembro de 2014.- Abriuse a venda anticipada das entradas para as nove funcións de Nadal que o Centro Dramático Galego (CDG) ofrecerá no Salón Teatro de Santiago co seu espectáculo As laranxas máis laranxas de todas as laranxas. Esta versión para público familiar da coñecida obra de Carlos Casares permanecerá na carteleira do espazo compostelán, sede da compañía pública, do 9 ao 30 de decembro, período durante o que tamén desenvolverá unha intensa campaña escolar coa participación de colexios de toda a comarca.
Ante a gran demanda rexistrada para a ducia de pases matinais concertados cos centros educativos e co fin de que o meirande número de espectadores poida gozar desta produción de teatro e música en directo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estableceu un prezo especial de 3 euros para as representacións que se levarán a cabo na fin de semana do 13 e 14 de decembro, así como durante as vacacións de Nadal (días 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30). As localidades para estas nove funcións, que terán lugar as 18.00 horas, poden adquirirse xa a través da web entradas abanca.com.
Descubrindo o teatro e a Carlos Casares
Con esta temporada de exhibición no Salón Teatro rematará o percorrido galego desta montaxe, que chegará a Santiago despois de ter visitado outros dez escenarios de toda Galicia co obxectivo de que os espectadores máis novos aprendan a gozar da experiencia de asistir ao teatro e descubran, ao tempo, unha gran figura da nosa literatura como foi Carlos Casares.
As laranxas máis laranxas de todas as laranxas ofrécelle ao público unha nova ollada sobre a obra que a compañía da Xunta de Galicia xa levara a escena hai 10 anos. Agora, o CDG volve homenaxear o autor ourensán con esta revisión do seu texto e da montaxe previa, para a que conta de novo co luso-brasileiro José Caldas na dirección escénica e con Bernardo Martínez na musical e na composición.
A produción de 2014 está interpretada por un novo elenco de seis actores e actrices (Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde), que forman parte dunha nova xeración de intérpretes multifacéticos que se está a formar e a abrir paso en Galicia.