Nova: Román Rodríguez subliña que a Semana Santa de Ferrol 'estreará' en 2022 dous dos seus templos cun investimento de case 400.000 €

16/02/2021

Román Rodríguez subliña que a Semana Santa de Ferrol 'estreará' en 2022 dous dos seus templos cun investimento de case 400.000 €

A Xunta reforza a conservación do patrimonio da cidade con dous agardados proxectos nas igrexas de Dores e Angustias que comezarán de inmediato

O titular de Cultura visitou hoxe a primeira delas, na que se traballará ao longo de seis meses en numerosas zonas: a fachada, a estrutura, a cuberta e o sistema de evacuación de pluviais co fin de resolver as patoloxías que limitan a súa apertura

Ferrol, 16 de febreiro de 2021.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, presentou hoxe na igrexa de Nosa Señora das Dores, en Ferrol, os traballos de restauración que a Xunta iniciará nos vindeiros días e que permitirán resolver as súas patoloxías. Trátase dunha actuación dotada con preto de 250.000€ dirixida a poñer en valor este templo, de gran importancia pola súa vinculación coa celebración da Semana Santa ferrolá, declarada de Interese Turístico Internacional.

O titular de Cultura da Xunta salientou a importancia da igrexa das Dores, sede da confraría homónima, de aí “o agarimo e orgullo que xera entre os veciños e confrades de Ferrol”, afirmou. “É un templo cun papel moi relevante na vida cultural e relixiosa da cidade e cómpre actuar para evitar un maior deterioro”, declarou.

Lembrou que a actuación neste ben enmárcase no “firme compromiso do Goberno galego por restaurar, conservar e protexer o legado patrimonial da Comunidade”. Con esa finalidade, a Xunta incrementa este ano un 19% o investimento nesta materia, afirmou o conselleiro, “para impulsar a recuperación do mellor do noso pasado”, con especial atención a áreas como o Camiño de Santiago, neste caso o Camiño Inglés.

Precisamente na cidade de Ferrol, a Xunta rehabilitará tamén a igrexa de Angustias, un proxecto de 115.000€ xa adxudicado que tamén se atopa nos últimos trámites administrativos antes do inicio da obra. En conxunto, “ambas restauracións teñen un orzamento de preto de 400.000€ cos que a Semana Santa de Ferrol estreará dous dos seus templos na Semana Santa de 2022”, despois de dous anos sen procesións.

Progresivo desprazamento das torres

As obras na igrexa de Nosa Señora das Dores centraranse na fachada, estrutura, cuberta e sistema de evacuación de pluviais poñendo especial atención na zona das torres, onde existe un progresivo desprazamento que está provocando a fractura da bóveda e a fisuración polo lintel da porta e polo óculo da portada principal. O equipo técnico procederá ao atado da fachada mediante tirantes de aceiro e instalará, na coroación dos muros, un zuncho de formigón armado que sirva para ancoraxe.

A continuación, e para solucionar o deterioro da estrutura de madeira, se instalará unha estrutura composta por tres pórticos de aceiro galvanizado e se repararán ou substituirán as pezas da estrutura principal e dormentes que se atopen en mal estado. Por último, en lugar da actual, disporase unha cuberta de tella cerámica curva.

As actuacións impulsadas polo Goberno galego tamén incidirán no sistema de evacuación de pluviais, que está resolto con PVC e trazados demasiado complexos que non funciona axeitadamente. Así, disporase dun novo deseño de trazado da rede de evacuación composto por canlóns e baixantes de zinc e se repararán as fisuras e desconches producidas pola oxidación. Por último, desinsectarase a madeira, retirarase a vexetación da fachada e limparanse os muros do conxunto eclesiástico.

Comparte