Nova: As obras de rehabilitación na igrexa de Santo Tomé de Serantes comezarán nos próximos días

10/06/2021

As obras de rehabilitación na igrexa de Santo Tomé de Serantes comezarán nos próximos días

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reuniuse hoxe co alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, ao que informou de que, con estes traballos, a Xunta destina máis de 200.000€ ao patrimonio deste concello

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2021.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reuniuse hoxe co alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, ao que lle trasladou que as obras de restauración impulsadas pola Xunta de Galicia na igrexa de Santo Tomé de Serantes poñeranse en marcha nos próximos días despois de ser adxudicadas a pasada semana por preto de 40.000€.
Trátase dunha actuación que se centrará no retablo e as súas imaxes mellorando este ben ourensán protexido polo seu valor cultural ao estar incluído no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia. Así, as necesidades que se pretenden cubrir con esta restauración radican na necesidade de realizar a desmontaxe do ático do retablo por mor do inminente perigo de desplome. Así, faranse labores de desinsectación co fin de eliminar ataques por parte de insectos xilófaios así como previlos no futuro e consolidar o soporte nas zonas debilitadas. Ademais, recuperaranse os volumes reintegrando as fendas que supoñan un risco para estabilidade do conxunto.
Tamén se fixará a policromía, realizarase unha limpeza físico-química da capa de protección fortemente escurecida por procesos de oxidación ao longo do tempo e que altera considerablemente a valoración do cromatismo orixinal do retablo. Os traballos tamén inclúen o tratamento de metais, a eliminación de repintes, a restauración da carpintería, a retirada de elementos alleos ao retablo como as pezas do antigo cabreado eléctrico, a eliminación da instalación eléctrica, o estucado das zonas onde non exista preparación, a reintegración cromática e a aplicación dunha nova capa de protección. En total o proxecto permitirá a restauración das imaxes de: San Pedro, Santo Tomé (zona ático), San Cristovo, San Gregorio (zona ático), San Roque, Santa Bárbara e San Gregorio (predela).
O encontro mantido na sede da Administración autonómica entre o responsable de Cultura e o rexedor municipal serviu tamén para comezar a traballar en novos proxectos e analizar as últimas intervencións levadas a cabo pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade en Leiro. Referiuse, concretamente, á restauración do reloxo mecánico de San Clodio ou a rehabilitación da Capela de San Pedro, rematadas xa o pasado ano. Estas intervencións, sumadas ás que se porán en marcha nos vindeiros días, supoñen un investimento de máis de 200.000€ no patrimonio deste concello.

Comparte