Nova: A Xunta inicia as obras de restauración do santuario de Arante, en Ribadeo, cun investimento de preto de 185.000 euros

31/10/2021

A Xunta inicia as obras de restauración do santuario de Arante, en Ribadeo, cun investimento de preto de 185.000 euros

A actuación incluirá a retirada da escada de subida ao campanario, un elemento que non é orixinal e provoca a filtración de humidades no interior

Ribadeo (Lugo), 31 de outubro de 2021.- A Consellería de Cultura, Educación e Universidade deu comezo ás obras de restauración do santuario de Nosa Señora das Virtudes de Arante, en Ribadeo, ás que destina preto de 185.000 euros e que están encamiñadas a evitar as humidades que deterioran os paramentos interiores, afectando ás pinturas murais.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou a igrexa e explicou que a intervención incluirá a retirada da escada exterior de acceso ao campanario, xa que constitúe unha das principais vías de entrada de auga e non se trata dun elemento orixinal, senón produto dunha obra dos anos 90.

O proxecto contempla tamén a substitución da cuberta de lousa, canlóns e baixantes; renovación dos acabados dos paramentos exteriores con morteiro de cal e posterior pintado; desmontado do falso teito para a colocación dun novo en madeira de castiñeiro, e a instalación de novas carpinterías e dun sistema de luces de tecnoloxía Led que mellore a iluminación ornamental das pinturas, entre outros traballos. O prazo máximo de execución será de seis meses

O santuario de Arante, dos séculos XVI e XVII, ten a consideración de Ben Catalogado Inventariado, co grao de protección II. Ademais, esta igrexa de estilo renacentista contén elementos únicos en Galicia, como son as pinturas murais de temática mariñeira, que datan do século XVI.

A Xunta acometeu hai uns meses unha actuación de urxencia para restaurar algunhas pinturas que se vían afectadas pola humidade, e executa agora esta intervención máis ampla para atallar a causa das patoloxías que afectan á súa estabilidade, fundamentalmente debidas á entrada de auga a través dos paramentos e da cuberta.

A igrexa ten relevancia cultural e histórica, como se lembra Romaxe das Cruces, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, e que cada ano convoca aos veciños e veciñas de sete parroquias de Ribadeo e Trabada para conmemorar a vitoria sobre as tropas napoleónicas.

Comparte