Nova: O DOG publica o expediente de incoación do BIC do Adro Vello que supón a protección inmediata do xacemento

08/02/2022

O DOG publica o expediente de incoación do BIC do Adro Vello que supón a protección inmediata do xacemento

A declaración fundaméntase no interese como recurso científico e cultural e na importancia histórica e arqueolóxica deste conxunto

A resolución recoñece a importancia desta zona para comprender o pasado e presente da comarca do Salnés

A proposta deberá resolverse definitivamente no prazo máximo de 24 meses
 

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2022.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o expediente de incoación para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de zona arqueolóxica o Adro Vello, o que supón a aplicación provisional do réxime de tutela previsto na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia e, polo tanto, a protección inmediata do xacemento arqueolóxico do concello do Grove.

Concretamente, a declaración como BIC afecta a zona situada no borde da praia do Carreiro, na parroquia de San Vicente do Mar, fundamentándose no seu interese científico e cultural, así como na súa importancia histórica e arqueolóxica, que o configuran como un dos bens arqueolóxicos máis sobranceiros da Comunidade Galega.

Nesta liña, a documentación aportada na declaración establece que a zona arqueolóxica do Adro Vello constitúe un fito de importancia clave para comprender o pasado e presente da comarca do Salnés. Así, a súa longa secuencia de ocupación e a variada tipoloxía de restos que van desde unha factoría de salgadura e unha vila romana ata un sistema defensivo, unha igrexa, restos de cerámica ou unha necrópole de inhumación con ata dez niveis avalan o potencial do Adro Vello como un recurso de primeira magnitude e nunha das zonas arqueolóxicas máis importantes do noroeste peninsular.

Deste xeito, a incoación do expediente é posible porque o xacemento reúne as características necesarias como zona arqueolóxica debido ao seu carácter sobranceiro e valor singular. Ademais, a súa publicación no DOG supón a aplicación inmediata, provisional ata a súa aprobación definitiva, nun prazo máximo de dous anos, seguindo a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia e, polo tanto, a máxima protección e tutela.

A apertura do procedemento implicará tamén a súa anotación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se lle comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural de Galicia da Administración do Estado.

O inicio do expediente para declarar BIC o xacemento do Adro Vello reflicte o importante compromiso do Goberno galego por protexer, conservar e poñer en valor o patrimonio sobranceiro da Comunidade. Así o demostran os 96 bens declarados desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016, acadando Galicia un total de 772 Bens de Interese Cultural.

Delimitación e contorno

Tanto a delimitación como o contorno de protección determinouse seguindo unha serie de criterios que permitisen unha preservación efectiva dos restos, atendendo á probable extensión dos mesmos e a morfoloxía do terreo. Para iso, procurouse seguir os límites actuais do catastro e a morfoloxía do propio terreo integrando tamén parte da praia atendendo á aparición constante de restos arqueolóxicos.

Ademais, no contorno de protección están integrados todos aqueles elementos arqueolóxicos, arquitectónicos e etnográficos próximos ao xacemento que foran localizados ou recuperados desde a época romana ata a actualidade co obxectivo de preservar os espazos cuxa afección pode estar vencellada a comprensión dos valores culturais, de estudo ou de apreciación deste xacemento.

Restos de época romana e altomedieval

O xacemento de Adro Vello presenta numerosos restos de época romana e atomedieval de gran interese arqueolóxico, científico e cultural. Concretamente, os restos existentes inclúen desde unha factoría romana de salazón e unha vila romana ata unha área de explotación de recursos mariños ou restos de estuco, cerámica e cantería. Conta tamén con restos dunha necrópole de inhumación con ata dez niveis de soterramento, dunha igrexa altomedieval de planta basilical e cabeceira cadrada, documentada historicamente a finais do século IX d.C., aínda que con presenza de pezas ornamentais anteriores de feitura visigoda. Tamén se documentaron restos dun conxunto defensivo baixomedieval (torre e cerca) e unha ara dedicada á deidade local Deverius.

Ademais da importancia para o estudo da época romana, esta zona tamén supón un punto estratéxico da tradición xacobea que foi obxecto de varias actuacións arqueolóxicas de escavación entre 1983 a 1990, baixo a dirección de José Carro Otero.
 

Comparte