Nova: O Museo das Peregrinacións e de Santiago incorpora á súa exposición permanente a Virxe descuberta no Sar

12/02/2022

O Museo das Peregrinacións e de Santiago incorpora á súa exposición permanente a Virxe descuberta no Sar

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visita a peza no espazo do museo dedicado á capital de Galicia

A figura denominada como ‘Virxe do Leite de Santa María de Conxo’ pola súa iconografía exponse tras a súa restauración e análise

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2022.- A Virxe descuberta no río Sar está xa exposta no Museo das Peregrinacións e de Santiago. Alí a visitou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, onde comprobou o resultado dos traballos de conservación impulsados pola Xunta de Galicia para limpar e restaurar a denominada como Virxe do Leite de Santa María de Conxo pola súa iconografía.

O titular de Cultura do Goberno galego lembrou que a peza exposta no espazo do museo dedicado á historia da capital Galega foi rescatada dun treito con pouco caudal do río Sar situado á altura do barrio de Conxo grazas á colaboración e a dilixencia de APATRIGAL, entidade que actuou como mediadora entre a Administración autonómica e o particular que atopou a peza.

Tras a súa retirada do río, a peza artística foi trasladada ás dependencias do museo, onde un grupo de expertos investigou a importancia patrimonial deste achado ao tempo que se poñía en marcha un delicado proceso para garantir a súa conservación. Para iso, os especialistas decidiron que a figura permanecese somerxida en auga co fin de controlar os niveis fisicoquímicos que tiña no medio no que foi atopada mentres se levaba a cabo a limpeza da totalidade da superficie de vexetación e axentes biolóxicos aproveitando a súa humidade, intentando sempre a maior eficacia posible ao tempo que se minimizaba o risco de danar a figura.

O proxecto completouse coa creación dunha cápsula transparente que permitiu aclimatar a talla da Virxe de xeito controlado e gradual mediante o calendario establecido polos expertos para que a progresión na desecación fora o máis suave posible para non prexudicar á peza.

Tallada en catro caras

A escultura está tallada en catro das súas cinco faces e representa a unha Virxe entronizada co Neno. A ambas bandas da Virxe, sobre os seus ombreiros, descansas dous anxos suxeitando un botafumeiro ou incensario. Trátase dunha peza de case un metro de alto e os especialistas sinalan que responde ao modelo de Virxe da leite.

En canto a súa autoría, o equipo de expertos implicado no proceso atribúe esta escultura a un taller ourensán de influencia burgalesa, responsable tamén da Virxe de Santa María de Salomé e do tímpano de San Fiz de Solovio, ambos en Santiago. Ademais, sitúan a súa cronoloxía a principios do século XIV.

Comparte