Nova: A Xunta inscribe no rexistro BIC de Galicia o dolmen da Pedra Embarrada de Coristanco, o que supón oficializar a súa protección patrimonial

04/03/2022

A Xunta inscribe no rexistro BIC de Galicia o dolmen da Pedra Embarrada de Coristanco, o que supón oficializar a súa protección patrimonial

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución que dá resposta a unha solicitude do Concello de Coristanco e recoñece deste xeito o seu réxime de salvagarda

Comunícallo á Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura e Deportes para a súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado
 

Coristanco (A Coruña), 4 de marzo de 2022.- A Xunta de Galicia vén de inscribir o dolmen da Pedra Embarrada, en Coristanco, no rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia (BIC) como ben inmoble na categoría de xacemento arqueolóxico, o que supón recoñecer o seu réxime de protección patrimonial.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución, coa que o Goberno autonómico dá resposta a unha solicitude do Concello de Coristanco que pedía a súa declaración BIC. A partir dese momento, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural autorizou en 2021 a realización dunha prospección e delimitación de elementos patrimoniais no Chan das Embarradas e a súa contorna, para valorar a viabilidade da posta en marcha dun proxecto de revalorización deste conxunto patrimonial promovido pola administración municipal.

Esta actuación arqueolóxica concluíu, entre outros aspectos, que o dolmen conta con características habituais da arte prehistórica e ten motivos equiparables aos que se localizan noutros monumentos megalíticos do Noroeste Peninsular como o de Dombate (Cabana de Bergantiños), a Casa dos Mouros de Regoelle (Vimianzo), a mámoa 11 de Espiñaredo (Negreira) ou Chá de Parada 1 (Baiao, Portugal).

Esta documentación constata, polo tanto, que o dolmen da Pedra Embarrada conta cos requisitos legais fixados pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia para estar protexido xa que esta normativa outorga a consideración de BIC ás covas, abrigos e lugares ao aire libre que conteñan manifestacións de arte rupestre. Por iso, agora era necesaria a súa inscrición nos rexistros BICs, tanto estatal como galego.

Á hora de valorar a inscrición no rexistro galego, tívose en conta a documentación achegada polo Concello de Coristanco e o informe técnico da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que acreditan a condición de manifestacións de arte rupestre as existentes no dolmen da Pedra Embarrada, o seu carácter prehistórico e o mantemento dunhas características que permiten xustificar suficientes condicións de autenticidade e integridade.
Ademais de inscribilo no rexitro BIC galego, comunicarase esta resolución á Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura e Deportes para os efectos da súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Arte rupestre
En canto á valoración cultural do dolmen, a resolución indica que a cámara megalítica amosa nunha das súas lousas unhas decoración gravada que, pola forma do suco, é de indubidable carácter prehistórico. Ademais, os motivos triangulares, posibles antropomorfos, non teñen paralelos, ata o momento na arte megalítica occidental, polo que a súa valoración cultural e a súa declaración individualizada como ben de interesse cultural considérase plenamente xustificada.

O dolmen da Pedra Embarrada constitúe a mámoa número 11, que se identifica na necrópole das Embarradas. Na súa posición central conserva unha cámara megalítica de planta poligonal e con corredor dun tramo aberto ao sueste diferenciado tanto en planta como, seguramente, en alzado. Aínda que bastante alterada polas remocións, está formada como mínimo por oito chantos, así como a lousa cuberta, partida e caída no interior. Unha das lousas da cámara, a que se atopa imediatamente ao leste da da cabeceira, que está situada fronte á entrada, presenta na súa cara interna varios gravados.

Presentan unha sección en U, unha característica habitual na arte pre-histórica que denota que se realizaron por abrasión, sen empregar obxectos metálicos na súa execución. Entre os motivos destacan polo menos tres elementos abstractos subrectangulares e dous triángulos, que semellan con certas cautelas, figuras humanas esquematizadas. Seguramente existan máis motivos na parte do chanto que aínda permanece enterrada.
 

Comparte