Nova: Patrimonio cultural autoriza a mellora do entorno do Calexón Balado proposta polo concello de Vigo, condicionada a controis arqueolóxicos

09/03/2022

Patrimonio cultural autoriza a mellora do entorno do Calexón Balado proposta polo concello de Vigo, condicionada a controis arqueolóxicos

A intervención para a que se solicita autorización atópase no ámbito do xacemento do Areal polo que non se descarta a existencia de rexistros arqueolóxicos

Vigo, 9 de marzo de 2022.- A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de autorizar as obras de mellora do entorno do Calexón Balado propostas polo Concello de Vigo, aínda que as condiciona a realización do correspondente control arqueolóxico dos movementos de terra previstos na obra.

Tras o estudo do expediente, os servizos técnicos de Patrimonio de Pontevedra acordaron informar favorablemente as obras baixo a premisa de que se presente un proxecto arqueolóxico asinado por técnico competente e que, en función dos resultados da intervención arqueolóxica, puideran requirirse actuacións complementarias.

A intervención proposta atópase no ámbito do xacemento do Areal, un espazo susceptible de contar con restos romanos no que, dadas as cotas previstas no proxecto, non se pode descartar a existencia de rexistros arqueolóxicos. Trátase dunha actuación para mellorar o espazo no entorno da rúa Rosalía de Castro coa que, segundo indica o informe municipal, “preténdese gañar parte do espazo destinado actualmente a rampla e escaleiras, mellorando as condicións de accesibilidade e corrixindo a obsolescencia dos acabados, o mal estado do pavimento e a ordenación da sección”.

Comparte