Nova: Visto e prace de Patrimonio á remodelación parcial do interior de cuarteirón nº 13 do cemiterio de Pereiró

29/04/2022

Visto e prace de Patrimonio á remodelación parcial do interior de cuarteirón nº 13 do cemiterio de Pereiró

Sinala que as actuacións contemplan a adaptación do uso orixinal aos condicionantes e cambios no sistema de inhumación, para o depósito de cinzas

Dado que se trata dun elemento característico no conxunto do cemiterio, os técnicos apuntan que se deberá manter a delimitación con buxos dos camiños interiores

Vigo, 27 de marzo de 2022 A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ven dar o seu visto e prace á solicitude do Concello de Vigo para a remodelación parcial do interior de cuarteirón nº 13 do cemiterio de Pereiró para depósito de cinzas.

Segundo sinalan os técnicos do servizo provincial de Patrimonio Cultural no seu informe, as actuacións propostas son aplicables en bens con protección integral como é o caso deste camposanto, catalogado no PXOM do 2008. Indican así que se respecta o seu carácter e os valores protexidos con elementos pétreos de pavimentación de maneira limitada e recorrendo a elementos vexetais para configurar os espazos e o novo uso, ademais de reducir o impacto de elementos exteriores ao ben.

Dito isto, dado que se trata dun elemento característico no conxunto do cemiterio, inciden en que deberase manter a delimitación con buxos dos camiños interiores, permitíndose a apertura de ocos de paso para adaptalo ao uso previsto.

Por tanto, o Consello Territorial de Patrimonio Cultural de Pontevedra acordou informar favorablemente a intervención, que contempla obras para a adaptación do uso orixinal aos condicionantes e cambios no sistema de inhumación, para o depósito de cinzas.

Comparte