Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas

Unha xoia literaria

O proxecto Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas trae a Galicia unha xoia literaria, e músical, da cultura galega. Os sete poemas de Martín Códax que contén o manuscrito, acompañados seis deles da súa correspondente notación musical, achegan unha valiosa luz para comprender o esplendor da lírica medieval galego-portuguesa e portan, ademais, o valor simbólico da raíz primixenia da nosa cultura. 

Trátase do único exemplo conservado da nosa tradición trobadoresca que transmite cantigas de amigos coa súa melodía, ademais de ser o vestixio máis antigo deste tipo de composicións líricas. Por iso, a pesar do riquísimo acervo recibido, poucos fitos literarios acadan a relevancia destes textos medievais.

Consulta a galería de imaxes da mostra Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas aquí.

De Nova York ao Museo do Mar de Galicia

Procedente da Morgan Libray & Museum de Nova York, este monumento literario chega a Galicia para a súa exhibición pública, por vez primeira na historia, no marco dunha exposición promovida pola Xunta de Galicia e pola Universidade de Vigo, baixo o comisariado de Francisco Singul. 

O Museo do Mar de Galicia acolle do 10 de outubro de 2017 ao 4 de marzo de 2018 a mostra, para gozo de toda a cidadanía. Dividida en sete partes, cada unha inspirada nunha das sete cantigas, a exposición ten como eixo central o manuscrito, que se acompaña de pezas medievais (esculturas, documentos, elementos arqueolóxicos...) en diálogo con obras contemporáneas nacidas baixo a inspiración do mundo poético de Martín Códax e do propio mar de Vigo. 

O pergamiño na axenda cultural

Unha ampla programación divulgativa de conferencias, concertos e outras actividades completará esta celebración de sete séculos de historia trazados neste pergamiño que hai cen anos descubría na encadernación dun vello códice o libreiro Pedro Vindel e que agora chega á beira do mar que o viu nacer.

 

Documentos relacionados