Axudas, subvencións e bolsas : Subvención plurianual de mellora das coleccións bibliográficas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia 2015-2016

Subvención plurianual de mellora das coleccións bibliográficas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia 2015-2016

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, publica no DOG núm. 126, do 7 de xullo de 2015, a Orde do 22 de xuño de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención plurianual a concellos de Galicia para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas ou axencias de lectura públicas municipais integradas na Rede de bibliotecas de Galicia e se procede á súa convocatoria para o período do 1 de maio de 2015 ao 1 de abril de 2016.

Beneficiarios: Poderán optar a estas subvencións os concellos de Galicia titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de bibliotecas de Galicia cunha poboación igual ou inferior a 30.000 habitantes.

Importe: A contía indicativa inicial da subvención determinarase en función do número de habitantes de cada concello solicitante, segundo as cifras oficiais de poboación en 1 de xaneiro de 2013 publicadas polo Instituto Galego de Estatística, e van dos 500 aos 2.500 €. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Presentación das solicitudes: A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de presentación: Os concellos que desexen acollerse a esta orde deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Estado de tramite: Resolto

Comparte