Benigno Campos

Benigno Campos (Vigo, 1949) formouse como delineante e traballou durante anos nos estaleiros vigueses de Vulcano, onde se significou como líder sindical do sector da construción naval.

Ao entrar na prexubilación decidiu dedicar o tempo a, entre outras cousas, aprender a arte culinaria das mellores tabernas da Guía (sur de Pontevedra) e ampliar coñecementos realizando cursos de cociña. Nesa feliz travesía deu con el a produtora Faro, quen lle propuxo presentar unha serie ideada para a Televisión de Galicia na que el faría de cociñeiro para divulgar as excelencias da gastronomía popular urbana. O éxito foi tal que xa leva varios anos en pantalla, cuns índices de audiencia e aceptación masiva que converteron a serie Larpeiros nun dos programas máis vistos en Galicia nos últimos anos.

Campos, que se afeccionou á cociña mentres cumpría o servizo militar en Madrid en 1971, é hoxe unha referencia ineludible na bibliografía gastronómica galega, pois a raíz do éxito do programa televisivo tirou do prelo A cociña de Larpeiros. 150 receitas de Benigno Campos (2009) ―actualmente na décimo terceira edición―, Novas receitas da cociña de Larpeiros (2010), Volve a cociña de Larpeiros (2012) e Cociñando con Benigno Campos (2014), todos eles con vendas que se contan por miles e falan ás claras da súa popularidade.

Campos insírese así na vedraña tradición gastronómica galega, que ten dado ensaístas sobre o mundo dos fogóns tan notables como Manuel María Puga e Parga ‘Picadillo’, Emilia Pardo Bazán, Álvaro Cunqueiro ou Xosé María Castroviejo.