Diego Ameixeiras (Lausana, Suíza, 1976) naceu en terras helvéticas pero criouse en Ourense, cidade que rebautizo nas súas narracións como Oregón.
Xornalista por formación e guionista por dedicación, Ameixeiras ten cultivado con asiduidade o xénero negro, onde, como todo autor que se prece, tamén creou a súa particular versión do detective sagaz na persoa de Horacio Dopico.
Como narrador estreouse con Baixo mínimos (2004), á que seguiu, pouco despois, O cidadán do mes (2006), parodias do hard-boiled que se configuran como pulp. Tras elas viñeron a benhumorada Tres segundos de memoria (2006) ―Premio Xerais―, a dura Dime algo sucio (2009) ―Premio Especial do Director da Semana Negra de Xixón―, a ficción política Asasinato no Consello Nacional (2010) ―Premio Irmandade do Libro―, a convulsa Historias de Oregón (2011) ―Premio Novela por entregas La Voz de Galicia―, a escrita de inspiración real recreada en Todo OK (2012), o anoxador mundo dos tabeiróns bancarios de Matarte lentamente (2013), o retrato da precariedade de Conduce rápido (2014) ―Premio Antón Losada Diéguez― e a ben metaliteraria A noite enriba (2015), que homenaxea a David Goodis.
Posuidor dun estilo áxil e directo, caracterizado pola absoluta economía expresiva, Ameixeiras dosifica a información para crear estruturas transparentes nas que as vidas dos seus personaxes van encaixando en tramas cruzadas que teselan a realidade que os circunda, na que abundan as historias de delincuentes, a intriga política e as atmosferas opresivas e violentas.
Traducido ao castelán, catalán, alemán e italiano e incluído na antoloxía de autores arxentinos e españois Charco negro (2013), Ameixeiras é colaborador de La Voz de Galicia e outros medios e ten realizado incursións no xénero teatral, como na recente O aniversario (2016), que tivo unha lectura dramatizada na sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela da que participaron profesionais da Asociación de Actores e Actrices de Galicia baixo a dirección de Artur Trillo.