Evento: Rodericus Cardinalis

Rodericus Cardinalis
sábado, 19 setembro, 2015 - 19:00
Colexio de Nosa Señora da Antiga ou do Cardeal,
Monforte de Lemos

Rodericus Cardinalis

Coro de Vox Stellae e os Menestreis de 1500 presentan en primicia a recuperación desta misa de Cristobal de Medrano a Rodrigo de Castro

A Biblioteca Histórica Marqués de Valdecilla, da Universidade Complutense de Madrid, acolle nos seus andeis unha pequena xoia do patrimonio musical galego e ibérico. Trátase dun manuscrito de 1594 dedicado ao cardeal arcebispo de Sevilla, Rodrigo de Castro, que contén unha misa e un motete a seis voces e, agochado no debuxo na portada, un canon tamén a seis voces. O seu autor é Cristobal de Medrano, do que non temos moitos datos biográficos, agás que foi probablemente músico da capela privada do propio Rodrigo de Castro, un dos máis importantes mecenas do Renacemento hispánico, pertencente á familia
dos Lemos.

O manuscrito é unha cumprida e impresionante homenaxe ao cardeal, pois o texto acode, en todas as partes da misa e en dúas do motete, reiteradamente, á expresión Rodericus Cardinalis, a xeito de recordatorio sonoro da dedicatoria da música. Ademais, o manuscrito ten frecuentes alusións ao cardeal, tanto na portada, onde aparece Medrano ofrecéndolle o libro como, de xeito máis simbólico, nas iniciais das letras das diferentes partes da misa onde, con frecuencia, aparecen elementos heráldicos relacionados coa casa dos Lemos.

O manuscrito pertenceu á biblioteca de Rodrigo de Castro e, de alí, xunto co resto da súa biblioteca, pasou ao colexio de xesuítas da vila de Monforte, que el mesmo fundara. Nalgún momento, xa fose na expulsión dos xesuítas ou antes, foi salvado e debeu pasar a formar parte da biblioteca do Colexio Imperial de Madrid, logo incluída na biblioteca da Universidade Central, onde se conservou ata os nosos días.

O Coro Vox Stellae xunto á capela instrumental dos Menestreis de 1500 presentan en primicia, e en colaboración co festival Espazos Sonoros, este proxecto de recuperación da misa e o motete que teremos oportunidade de escoitar, por vez primeira en centos de anos, aos pés do sepulcro do seu dedicatario.

Máis eventos de tipo Concerto

Real Filharmonía de Galicia-Desafiantes
5 de decembro
Avenida do Burgo das Nacións
Standstill
5 de decembro
Rúa de Concepción Arenal, 5
Belém Tajes Trío en concerto
5 de decembro
Clavicémbalo