Evento: O gótico mariñeiro de Noia
O gótico mariñeiro de Noia
Noia conta cunha fermosa zona histórica froito do apoxeo medieval e das actividades mercantís e pesqueiras da vila. Nela destacan dúas xoias de estilo gótico mariñeiro, a igrexa de Santa María a Nova, que acolle a mellor colección de lápidas gremiais e nobiliarias da Idade Media e Moderna, e a igrexa de San Martiño de Noia, cunha espectacular fachada de grandes figuras escultóricas. A vila histórica conserva, ademais, diferentes casas con brasón, corredores e galerías.
Bo exemplo disto son o pazo Dacosta, o pazo da Rúa do Forno do Rato, a casa da Xouba, a casa do Rosa ou a casa do Senra, xa de estilo barroco.
En Monumenta, acompañados pola arqueóloga municipal Ana Filgueira, os asistentes visitarán a igrexa de Santa María a Nova, o museo de laudas
gremiais e o seu cemiterio, para facer voar a imaxinación e evocar tempos pretéritos.
A participación en todas as actividades e concertos é libre e de balde.
Máis eventos de tipo Visita guiada/Roteiro