Evento: A música dos seres vivos
A música dos seres vivos
Presentación en Venres nas librarías da última novidade de María Reimóndez.
Sinopse: Todo o mundo semella coñecer a MK, a cantante de moda cunha carreira xa prolongada no tempo, a voz prodixiosa, e a súa excéntrica moza, Gaia. Mais, quen é MK? Que acontece antes de saír ao escenario? Que é o que fica cando as luces esmorecen? Cando remata a última xira? No intre en que pechan os micros das roldas de prensa? Se cadra o silencio é preciso para o reencontro cunha mesma. Se cadra nin a propia música ten sentido sen os espazos dos que non escapa ningún son. É neses hiatos onde MK remexe na súa cerna fanada e recuperada, na ruptura da infancia no Támil Nadu rural, impulsada polos movementos migratorios impostos a unha metrópole que a esnaquizou e a refixo de novo. Entre os sons escachados das ondas rotas, MK compón e conduce os seus pasos cara ao lugar onde o grallar do corvo se transforma na música dos seres vivos.
María Reimóndez é tradutora e intérprete de profesión e feminista por convicción. É fundadora da organización non gobernamental de cooperación ao desenvolvemento Implicadas/os no Desenvolvemento, que leva traballando desde o ano 1998 na India e en Etiopía en proxectos de desenvolvemento integral cun claro compromiso pola superación da discriminación de xénero como base do desenvolvemento perdurable.
Máis eventos de tipo Xornada/Congreso