Evento: Ensemble Gilles Binchois
Ensemble Gilles Binchois
Guilhem Terrail, alto
Roman Melisch, alto
Gerd Türk, tenor
Dominique Vellard, tenor e dirección
Giacomo Schiavo, barítono
Emmanuel Vistorky, barítono
O Ensemble Gilles Binchois, creado e dirixido por Dominique Vellard, é un dos grupos de referencia na investigación e interpretación de música antiga, labores que vén desenvolvendo desde hai máis
de trinta anos. O Gilles Bichois é autor dalgunhas das gravacións consideradas como obras cume na interpretación dos repertorios medievais e do Renacemento, entre elas, unha extraordinaria colección de gravacións dedicadas ao canto gregoriano, á música de Guillaume de Machaut ou á Escola de Notre-Dame. Ao longo da súa dilatada traxectoria, o grupo vén actuando con regularidade en escenarios de toda Europa, Norte de África,
A India, Malaisia, Os Estados Unidos e América do Sur, e goza de todo o recoñecemento pola solidez conceptual e fidelidade histórica das súas interpretacións, así como pola elevada calidade e homoxeneidade interpretativa, no ámbito vocal, duns repertorios nos que mostra unha absoluta mestría.
Nesta ocasión, o grupo interpretará en Espazos Sonoros unha das obras cume da historia da música, a Misa de Nosa Señora, composta cara a mediados do século XIV polo poeta, músico e clérigo francés Gillaume de Machaut para a catedral de Notre-Dame de Reims. Unha obra que, máis aló da súa enorme complexidade técnica e abstracción intelectual, lle procura á audiencia a descuberta dun discurso musical cheo de lirismo e serenidade, cun gran poder para impactar sen renunciar a unha refinada naturalidade.
Máis eventos de tipo Concerto