Evento: Las ideas
Las ideas
Un artista e o seu colaborador traballan no estudo deste último levando a cabo diferentes proxectos artísticos. O que parece ser o encontro informal entre dous amigos convértese paulatinamente nunha intensa xornada creativa. A obra ten lugar sobre unha mesa de ping-pong desordenada que o artista e o seu colaborador utilizan como mesa de traballo. Alí tamén se proxecta o escritorio dun ordenador. Podemos ver rexistros de ensaios, material de outros proxectos en diferentes estados creativos, ideas para futuras obras, ideas que se lles ocorren no momento e que se van incorporando, e tamén outras que se descartaron e están tiradas no lixo do ordenador. Sobre a mesa de ping-pong, artista e colaborador teñen un constante intercambio – un ping-pong – de ideas e teorías.
O espectador é convidado a seguir este proceso desde dentro e en tempo real: como xorden as ideas; que mecanismos se activan para poñelas en práctica; hipóteses e teorías son a súa vez analizadas, observadas e confrontadas. Todo aquilo que o espectador ve transfórmase en material posible para unha obra. Ás veces custa diferenciar que forma parte das súas vidas e que da experiencia artística. Por un momento podemos entrar na cabeza dun artista e mergullarnos nas súas ideas a través do seu ordenador. Vemos como escribe, borra, corrixe e navega por internet. Coñecemos os seus arquivos, a súa forma de asociar, o seu modo de ordenar, organizar e tamén de desordenar. O ordenador convértese nun personaxe máis. As ideas traballan os límites entre realidade e ficción. Pon en escena a intimidade dun proceso de creación. Trátase dun proceso similar ao que Federico León (autor e director) podería atravesar nas súas obras xunto a Julián Tello (actor e colaborador). As ideas poderían ser as súas ideas pero non son necesariamente as súas ideas. Eles son eles pero ao mesmo tempo fan de si mesmos.
Posteriormente, producirase un encontro con Federico León.
Máis eventos de tipo Espectáculo