Evento: Cheverografías. Compostela 8717

Cheverografías. Compostela 8717
luns, 6 febreiro, 2017 - 19:30
Matadoiro, punto de partida,
Santiago de Compostela

Cheverografías. Compostela 8717

Roteiro para abordar o proceso de transformación vivido polo grupo Chévere

O grupo Chévere inventouse entre bares, rúas e escolas de Compostela en 1987, xusto antes de iniciarse a transformación da cidade. Chévere aprendeu o oficio teatral explorando a cidade, paseándoa, perdéndose nela. Meteuse dentro e sentiuna latexar. Acabou por ocupar o lugar que lle correspondía nun barrio marxinal que estaba xa camiño de Fisterra, provocando que os traxectos de moitos veciños e veciñas tomasen un rumbo non previsto por urbanistas nin políticos. E a súa práctica teatral converteuse nunha ferramenta para documentar o proceso de transformación vivido.

Trinta anos despois Chévere e Compostela seguen aí, pero ningunha das dúas é a mesma. Perdéronse de vista cando Chévere tivo que exiliarse e xa lles custa recoñecerse. Pero Chévere é un grupo de teatro con memoria urbana. Por iso se propón cartografar escenicamente trinta anos de andar de vagar pola sombra da cidade, para compartir un mapa emocional que nos permita recoñecer a xeografía teatral de Chévere en Compostela, tratando de traducir a cidade de 1987 con palabras de 2017. Chévere propón unha intervención teatral que é un xeito de reencontrarse coa cidade para volver habitala. Unha experiencia teatral superposta sobre o espazo urbano. Apropiarse do paseo como táctica de relación coa contorna para provocar un feito escénico a pé de rúa. É apenas andar, mirar, escoitar, sentir. Activar o encontro entre o teatro e o público. Desenvolver unha ficción que fará aínda máis real a cidade na que seguimos vivindo. O público seguirá a peza a través de reprodutores mp3 e auriculares que se entregarán no punto de inicio da ruta.

Chévere

Premio Nacional de Teatro 2014 pola creación colectiva, a transgresión de xéneros e a súa conexión coa realidade social. As súas obras toman frecuentemente a referencia de temas coñecidos por todos e presentes nos medios de comunicación. Transfórmanos e retócanos para presentalos de forma lúdica ou irónica. As súas producións apelan ao xogo e á risa como forma de expresión. Desde os seus inicios, en 1987, representaron en todo tipo de escenarios por numerosos países.

Estrea

Estrea absoluta no Festival Escenas do Cambio 2017.

Máis eventos de tipo Visita guiada/Roteiro

Redescubrindo Ourense. O Ourense de Risco e Conde Cordal
3 de xaneiro
Biblioteca Pública de Ourense