Evento: Alan Lomax e os afiadores dos Peares

Alan Lomax e os afiadores dos Peares
domingo, 27 agosto, 2017 - 10:30
Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil,
Nogueira de Ramuín

Alan Lomax e os afiadores dos Peares

Afondar nos aparellos e a xerga deste gremio, probablemente a máis rica en vocabulario de todas as da Península Ibérica

Desde o contorno monumental do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, con primitiva fábrica románica, mais con referencias que nos remontan ao propio san Martiño de Dumio (século vi), o roteiro achegarase á figura do afiador, un elemento referencial da etnografía popular e que ten epicentro neste concello de Nogueira de Ramuín.

A relación entre a súa roda nómade e a música propiciou un rexistro histórico: a gravación que lle fixo en 1952 o musicólogo norteamericano Alan Lomax, na aldea de Faramontaos, a Xosé María Rodríguez, capador e afiador de Nogueira. Melodía que mesmo chegaría a recrear o mítico trompetista Miles Davis nun dos temas do álbum Sketches of Spain.

 
MONUMENTA DIVULGA: Nas dependencias do museo de Santo Estevo exhíbense rodas, coitelos e outros aparellos propios deste oficio. Son parte da colección de Florencio de Arboiro, un dos maiores eruditos na materia. Da súa man, descubriremos algunha das historias que protagonizaron os afiadores de Nogueira por todos os camiños e recibiremos unha clase de iniciación no barallete, a xerga profesional do gremio, probablemente a máis rica en vocabulario de todas as da Península Ibérica. Tamén terase noticia do verbo dos xingros, a xerga profesional dos músicos de Ourense, absolutamente descoñecida noutras latitudes.

CAMIÑANTES CONVIDADOS Florencio de Arboiro, etnógrafo e escultor, creador da Casa das Rodas, en San Xoán de Río, onde exhibe a impresionante colección de rodas de afiar que foi adquirindo e restaurando durante máis de 30 anos.
Cristina Asenjo, profesora de música no ensino secundario e acordeonista do conxunto O Sonoro Maxín. É natural de Alongos, terra de músicos, onde aínda se mantén viva a memoria do antigo verbo dos xingros. Acompañados en formato de  barriografía ou parladoiro itinerante polo músico e escritor Xurxo Souto.

ANDAINA
Hora de saída: 10.30 h
Hora de regreso  estimada: 14.00 h
Distancia: 5 quilómetros
Dificultade: baixa 
Público destinatario: actividade axeitada para todos os públicos.
Inscrición previa: prazas limitadas a 100 persoas.
Imprescindible inscrición, do 17 de agosto ao 24 de agosto, na web: http://monumentagalicia.com.
Admisión por orde de inscrición. Máis: info@sinsalaudio.org  e no teléfono 619 637 211.

 

 

Descargas