Evento: Tras os pasos de Casto Sampedro
Tras os pasos de Casto Sampedro
Casto Sampedro Folgar (Redondela 1848–Pontevedra 1937) deixou un legado documental por descubrir, máis variado do que habitualmente lle é recoñecido. Ademais de compilador do magno Cancionero musical de Galicia e director fundador do Museo de Pontevedra, interesouse por temas de especialidades diversas, como a historia antiga e moderna, o folclore galego (de todo tipo, non só musical), a arqueoloxía (foi un dos pioneiros no estudo da arte rupestre galaica), a heráldica, a epigrafía ou a literatura.
A tradicional Redondela distinguía ben entre a mariñeira Vilavella, a rúa de Vilanova e as parroquias rurais de Reboreda e Saxamonde, por só citar as dúas máis vinculadas coa familia Sampedro-Folgar. Desde o lugar de encontro desprazarase a andaina ata a casa natal de D. Casto (na antiga rúa do Ribeiro, agora chamada rúa de Reveriano Soutullo) para logo subir á veciña igrexa parroquial de Santiago de Redondela.
A terceira parada será na rúa de Casto Sampedro, tamén en Vilavella; de alí, seguirase baixando ata a ribeira do mar, onde repasaremos o labor de recollida dos saberes mariñeiros de Casto Sampedro. Xa en Cesantes, por barco, irase á illa de San Simón, corazón do mar de Vigo cantado por Mendiño, Martín Códax e tantos outros.
CAMIÑANTE CONVIDADO: Xavier Groba González, profesor de música no IES de Baiona e investigador, é especialista no estudo da música galega de tradición oral e popular. Mª Xosé López e Alfonso Cheda acompañarán o percorrido coa gaita e a zanfona, interpretando diferentes pezas musicais recollidas por Casto Sampedro, así como unha mostra das cantigas de Martín Códax xa na illa de San Simón.
ANDAINA
Hora de saída: 17:00 h
Hora de regreso estimada: 20:00 h
Distancia: 4 quilómetros
Dificultade: baixa Prezo do barco: o barco ata a illa de San Simón ten un custo de 5 euros por billete (inclúe a volta).
Público destinatario: actividade axeitada para todos os públicos.
Inscrición previa: prazas limitadas a 80 persoas.
Imprescindible inscrición, do 17 de agosto ao 24 de agosto, na web: http://monumentagalicia.com.
Admisión por orde de inscrición. Máis: info@sinsalaudio.org e no teléfono 619 637 211.
- Programa Monumenta 20172.69 MB
Máis eventos de tipo Visita guiada/Roteiro