José Edelstein

José Edelstein (Buenos Aires, 1968) é físico teórico. Licenciado no Instituto Balseiro e doutorado na Universidad Nacional de La Plata ―onde foi docente durante un tempo―, levou a cabo estadías posdoutorais nas universidades de Santiago de Compostela, Harvard e o Instituto Superior Técnico de Lisboa. Actualmente é profesor no Departamento de Física de Partículas da universidade compostelá e participa en diferentes proxectos que o vencellan aos máis prestixiosos centros de investigación de todo o mundo.

Publicou máis de medio centenar de artigos científicos nas principais revistas científicas internacionais e impartiu conferencias nunha vintena de países que inclúen boa parte de Europa e América e tamén Asia.

Para Edelstein os duais gravitacionais de teorías de campos cuánticos, a física do plasma de quarks e gluóns ou a dualidade na teoría de cordas non teñen misterio, mais un dos seus méritos é facer accesible todo este fondo saber en diarios e revistas, nos que publica informados á par que entretidos artigos que teñen divulgado estes coñecementos na Arxentina, Brasil, Chile, España, Italia ou Portugal.

Tan intenso labor tenlle sido recoñecido co Premio de Divulgación Científica do Centro Español de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear (2010, 2011, 2013 e 2015), o Premio de Comunicación Científica da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (2012) e diversas mencións de honra no Concurso Internacional Ciencia en Acción (2013, 2014 e 2015).

En colaboración co tamén físico Andrés Gomberoff publicou Antimateria, magia y poesía (2014), obra na que, con rigor e amenidade, achega vinte e tres historias sobre como xurdiron algunhas das ideas científicas que cambiaron a Humanidade. Recibido con grande éxito de público e crítica, este ensaio foi merecente no pasado ano en España do XVIII Premio Nacional de Edición Universitaria na categoría de divulgación científica.