María Solar

María Solar (Santiago de Compostela, 1970) formouse como mestra, bióloga e xornalista, mais é a esta última faceta á que ten dedicado a súa vida profesional, sendo hoxe a presentadora dun importante magazine informativo e cultural na Televisión de Galicia. Nesta canle televisiva e na Radio Galega desenvolveu un intenso labor como presentadora en variedade de programas de todos os xéneros.

A súa querenza pola defensa da Ecoloxía e o Medio fixo que iniciase a súa andaina autorial con volumes ben de ensaio divulgativo sobre estas cuestións ―Ecoloxía na Aula (1997) e O libro do noso mar (1999)― ben de ficción pedagóxica sobre as mesmas ―Boa sorte (2008) e O tempo do revés (2008).

O camiño da ficción infantoxuvenil continuou para Solar coa aparición de O fillo do Pintamonas (2009), ao que seguiron Vou ter un irmán (2011) ―Premio Frei Martín Sarmiento―, As meigas de Lupa (2012) e A verdadeira historia da mosca da tele (2012) ―tamén Premio Frei Martín Sarmiento.

En datas recentes publicou O meu pesadelo favorito (2015) e mais Teño uns pés perfectos (2015). Polo primeiro, que foi traducido a diferentes idiomas, recibiu o Premio Lazarillo de Creación Literaria e foi seleccionado para formar parte da prestixiosa lista internacional White Ravens. O segundo ten tamén xa tradución ao castelán e está a recibir inmellorables críticas e excelente acollida do público.

Este mesmo ano publicará a súa primeira novela para adultos, As horas roubadas, que se lanzará conxuntamente en galego e español.

A narrativa de Solar desborda imaxinación, que mestura cunha fabulosa capacidade para o humor e unha demostrada sensibilidade para o tratamento dos máis diversos temas. Posuidora dunha prosa ben depurada, as súas obras fascinan o lectorado, introducíndoo en mundos cativadores cheos de sorpresas e aventuras.

Datos de contacto