Nova: A música e os xogos dos Axóuxeres chegarán á xente miúda de 26 concellos galegos

10/09/2015

A música e os xogos dos Axóuxeres chegarán á xente miúda de 26 concellos galegos

Arteixo e A Coruña acollen as primeiras funcións o sábado e o domingo, para as que xa está aberta a reserva previa

Arteixo (A Coruña), 10 de setembro de 2015.- A nova edición do programa de dinamización lingüística ‘Os Axóuxeres’ chegará desde esta fin de semana a 26 concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia para promover o uso do galego e a súa transmisión interxeracional.

“Arteixo acollerá a primeira das funcións da nova xira dos Axóuxeres, unha proposta dinamizadora, destinada a familias con bebés e nenos/as de 0 a 6 anos coa que queremos favorecer a transmisión da lingua galega nas idades máis temperás, para que toda a nosa xente miúda fale, cante e goce en galego”, explicou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez durante a presentación, na que tamén sinalou que o programa “busca contribuír a animar as familias novas a lle transmitiren o galego aos fillos e a continuaren a cadea do idioma ofrecéndolles unha actividade de lecer con novas cancións e novos brinquedos que permitirán darlle continuidade á actividade no fogar”.

O secretario xeral estivo acompañado do tenente alcalde de Arteixo, José María Sánchez; da concelleira de Promoción Económica e Desenvolvemento, Patricia Amado, e dos directores da compañía Elefante Elegante, María Torres e Gonçalo Guerreiro, encargada de xestionar a nova edición do programa “Os Axóuxeres”.

Reservas abertas para as funcións de Arteixo e da Coruña
A entrada para os Encontros dos Axóuxeres é de balde con reserva previa ata completar a capacidade das salas. As persoas interesadas en participar cos seus bebés ou nenos/as de 0 a 6 anos poderán inscribirse previamente, de luns a venres e en horario de 10:00 a 13:00 horas, no teléfono 697 363 089.

As inscricións, que se abren desde unha semana antes de cada función, xa están abertas para as actividades desta fin de semana en Arteixo (o sábado 12, ás 18:00 horas no Centro Cívico Cultural) e na Coruña (o domingo 13, ás 12:30 horas, no Centro Ágora).

Transmisión interxeracional da lingua
‘Os Axóuxeres’ chegan á súa sétima edición mantendo o obxectivo de favorecer a transmisión interxeracional da lingua galega ao ofrecerlles ás familias con nenos de 0 a 6 anos espazos de ocio neste idioma e materiais para continuar xogando e cantando nel ao finalizar o espectáculo teatral e musical. O disco ‘Os Axóuxeres’, co que se agasallará a todas as familias participantes, e tamén os materiais das edicións anteriores poden descargarse de balde en http://www.xunta.es/linguagalega/os_axouxeres_2015.

‘Os Axóuxeres’ coidan dunha maneira especial a calidade do espectáculo e a acollida ás familias para asegurar que os nenos e nenas asocien o galego con experiencias agradables, cheas de tenrura e de diversión, e cunha estética dinámica e actual.

Encontros para a xente miúda da casa
‘Os Axóuxeres’ son o encontro da xente miúda da casa coas artes escénicas, co teatro, coa música en directo... cos primeiros xogos e coas primeiras cancións en galego... coa lingua de noso. Cada ‘Encontro dos Axóuxeres’, de aproximadamente 40 minutos de duración, foi creado para ofrecerlle á xente miúda un espazo onde desfrutar e abrirse ao descubrimento do mundo en galego.

O calendario da nova edición, que se desenvolverá desde o 12 de setembro ao 8 de novembro, inclúe un total de 26 localidades galegas: Arteixo, A Coruña, Ourense, Boiro, Ames, Vedra, Santiago de Compostela, Teo, Fene, Ferrol, Oleiros, Moaña, Cangas, Foz, Viveiro, Xinzo de Limia, Mondoñedo, Redondela, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, A Laracha, Noia, O Carballiño, A Estrada, O Porriño e Lalín. Todas as datas e espazos de celebración poden consultarse no web institucional www.lingua.gal e tamén na Axenda de Cultura de Galicia.

A festa da música, dos xogos e das palabras
‘Os Axóuxeres’ son a festa da música, dos xogos e das palabras. Un espectáculo de dinamización lingüística baseado en historias adaptadas á miúda da casa e mesturadas con cancións e xogos especificamente creados para a montaxe. Unha festa que por primeira vez se poderá levar para a casa nun cedé co que o programa agasallará a todas as familias participantes.

Estrelas dormen, Voga valente, Vou navegar, Entre o mar e esta bañeira e Mergullo son as cancións orixinais dos novos Axóuxeres, que María Torres e Gonçalo Guerreiro interpretarán en directo acompañados polos músicos Mano Panforreteiro e Dani Pais, e que recolle o cedé homónimo, no que tamén se poden escoitar brinquedos e adiviñas infantís.

Comparte