Nova: Os III Premios Sixto Seco apoian novos proxectos de emprendemento cultural

22/09/2015

Os III Premios Sixto Seco apoian novos proxectos de emprendemento cultural

Os proxectos gañadores son a plataforma de consumo colaborativo de equipos audiovisuais ‘Nuevos Mozarts_Conetcam’, a liña de produtos infantís ‘Cucuducho’ e a consultoría especializada en innovación e cultura ‘Kolectiv’

Os tres gañadores desta terceira edición recibirán un premio en metálico de 2.000 euros e a incorporación de balde durante doce meses ao Coworking Gaiás 

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2015.- Unha plataforma de consumo colaborativo de equipos e servizos audiovisuais, unha liña de produtos infantís vinculados ao deseño e unha consultoría especializada en innovación e cultura. Estes son os tres proxectos gañadores da terceira convocatoria dos premios ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’, promovidos pola Fundación Cidade da Cultura para poñer en marcha ideas innovadoras no mundo das industrias culturais, que vén de fallar a consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Cada un dos premiados recibirá un premio en metálico de 2.000 euros, incorporarase de balde e durante doce meses ao espazo de coworking do Centro de Emprendemento do Gaiás e recibirá apoio, asesoramento e formación durante os primeiros pasos da empresa.

A pesar de que os Premios ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’ contan con apenas tres anos de vida, a convocatoria deste 2015 recibiu tres veces máis proxectos que na edición anterior, demostrando a importancia duns galardóns dedicados ao emprendemento cultural e creativo e reforzando a decidida aposta da Cidade da Cultura a prol do tecido empresarial do sector cultural.

Á hora de avaliar as iniciativas o xurado tivo en conta o carácter innovador e a creatividade da idea presentada, as posibilidades de se converter nun proxecto viable, a adecuación do proxecto á modalidade presentada, a integración de perfís profesionais dos participantes e a súa capacidade dinamizadora e o impacto na súa área de influencia.

Internet, deseño e xestión cultural
O xurado desta terceira edición dos ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’ decidiu outorgar o galardón na área de aplicacións informáticas relacionadas co sector cultural e proxectos culturais en internet a Nuevos Mozarts_Conetcam, unha plataforma de consumo colaborativo para equipos e servizos audiovisuais.

O proxecto de Adolfo Ponte, Alberto Basalo e Alberto Vázquez busca poñer en contacto a propietarios de equipos audiovisuais (cámaras, focos, micrófonos…) e a usuarios que queren facer un uso puntual dos mesmos a baixo custo e cun proceso sinxelo e confiable. Conetcam busca convertirse na primeira plataforma P2P no mundo que se orienta ao nicho Broadcast, seguindo o modelo de plataformas de espírito colaborativo tan populares como Blablacar, Airbnb ou crowdwlending.

Na área de deseño e creación artística e plástica no ámbito cultural, o premio ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’ recaeu na firma Cucuducho, de Lois Guillán Santamaría. Cucuducho é unha liña de produtos infantís (mobiliario, obxectos decorativos, lámpadas, xoguetes) vinculados ao deseño e con influencia na rexión onde se leva a cabo a actividade. Entre os seus obxectivos está o de traballar con produtos de provedores locais e con materiais naturais e de orixe autóctona, ademais de poñer en valor a nosa cultura.

Finalmente, na área de xestión cultural, o premio foi para Kolectiv, unha consultoría especializada na innovación e a cultura que busca conectar ideas, persoas e coñecementos. Francisco García Quiroga é o artífice desta empresa que busca impulsar a formación no ámbito da cultural, creación de proxectos e o desenvolvemento de webs para proxectos innovadores e culturais.

Homenaxe a Sixto Seco
Os premios Emprende Gaiás-Sixto Seco homenaxean a figura dun promotor cultural de primeira orde como foi o médico e intelectual galego Agustín Sixto Seco. Ademais do seu papel clave na medicina galega, Agustín Sixto Seco participou desde a década dos 70 en proxectos editoriais como Galaxia, en padroados como o de Rosalía de Castro e da Fundación Otero Pedrayo, así como en institucións como Penzol, Castelao, Camilo José Cela e o Museo do Pobo Galego.

Tras a súa morte, e biblioteca e arquivo persoal deste intelectual –integrada por máis de 4.000 volúmenes que abarca desde importante exemplares dos primeiros tempos da edición galega de posguerra, especialmente de Galaxia, fondos americanos procedentes da emigración, abundantes obras sobre Galicia, así como de medicina ou temas históricos, relixiosos, políticos e literarios- forman parte da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura.

Comparte