Nova: Marcos Calveiro gaña o Premio de Narrativa Breve Repsol 2015 con Fontán

29/09/2015

Marcos Calveiro gaña o Premio de Narrativa Breve Repsol 2015 con Fontán

Trátase dunha novela biográfica protagonizada por Domingo Fontán, que elaborou a Carta Xeométrica de Galicia

O certame está convocado pola Fundación Repsol, co apoio de Cultura, no que tamén participan a Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritores en Lingua Galega

  • Marcos Calveiro Marcos Calveiro
  • O secretario xeral de Política Lingüística participou esta mañá na Coruña na rolda de prensa na que se deu a coñecer o ditame do xurado da IX edición O secretario xeral de Política Lingüística participou esta mañá na Coruña na rolda de prensa na que se deu a coñecer o ditame do xurado da IX edición

A Coruña, 29 de setembro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, deu a coñecer na Coruña o ditame do xurado da IX edición do Premio de Narrativa Breve Repsol, que recaeu no escritor Marcos S. Calveiro pola obra “Fontán”.

O secretario xeral destacou “a importancia deste premio para a ao impulso da narrativa feita en galego” “o compromiso da Fundación Repsol con Galicia e coa súa cultura e lingua propias”. García Gómez tamén gabou a participación da Editorial Galaxia na edición da obra gañadora.

Acompañaron a García Gómez o director da área social de Fundación Repsol, Javier Inclán, e mais a voceira do xurado, Olivia Rodríguez.

Unha novela biográfica protagonizada por Domingo Fontán
O xurado destacou no seu ditame “Fontán” como unha novela biográfica de fondo histórico que ten como protagonista a Domingo Fontán (1788-1866), catedrático de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela que, entre 1817 e 1834, elaborou con apenas medios humanos o primeiro mapa científico da comunidade galega, A Carta Xeométrica de Galicia.

Trátase dunha obra que relata con sinxeleza e bo estilo uns feitos da historia científica galega apenas coñecidos. Olivia Rodriguez tamén destacou que a obra Fontán contribúe a divulgar a través da literatura o traballo de científicos e intelectuais liberais que no século XIX crearon unha idea de Galicia que influíu nas posteriores xeracións. Ten a novela o valor de recrear unha figura da última ilustración liberal galega moi apreciada por autores como Ramón Otero Pedrayo ou Álvaro Cunqueiro, e tan citada como mal coñecida polo gran público.

O xurado integrárono as profesoras Olivia Rodríguez González e Dolores Vilavedra; a secretaria xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Mercedes Quixas; o director editorial de Galaxia, Carlos Lema, e o gañador da pasada edición, o escritor vigués Santiago Lopo.

Marcos S. Calveiro
Marcos Sánchez Calveiro, coñecido como Marcos S. Calveiro naceu en Vilagarcía de Arousa no ano 1968 e actualmente reside en Vigo, onde exerce como avogado. Comezou a súa carreira literaria creando obras dedicadas á literatura infantil e xuvenil, escribindo principalmente en galego. Neste campo recibiu numerosos premios como o Ala Delta, o Barco de Vapor ou o Lazarillo.

Tamén publicou obras no campo da poesía e o ensaio e en 2008 publicou a súa primeira novela dirixida ao público adulto, “Festina Lente”, recoñecida co Premio da Crítica de Narrativa Galega.

Ademais deste recoñecemento, Marcos S. Calveiro, recibiu os seguintes galardóns: Premio de Poesía Concello de Carral no 2006, por “Cartas do terceiro día”; Premio White Ravens no 2008, por “O carteiro de Bagdad”; Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro de Narrativa para adultos no 2008, por “Festina lente”; Premio Irmandade do Libro no 2009 ao Mellor Libro Galego do 2008, por “Festina lente”; Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro Xuvenil no 2010, por “O pintor do sombreiro de malvas”; Premio Raíña Lupa no 2010, por “Centauros do Norte”; Premio de Literatura Infanto-Xuvenil 2011 da Asociación de Escritores en Lingua Galega, por “O pintor do sombreiro de malvas”; Premio Merlín no 2012, por “Palabras de auga”; Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro Xuvenil no 2012, por “Palabras de auga” e Premio Frei Martín Sarmiento á mellor obra de 1º e 2º de Educación Primaria no 2015, por “Raro”.

“Fontán” impúxose ás outras 36 pezas que concorreron a esta edición do certame, que viu incrementada a participación con respecto a edicións anteriores.

Galardoados co Premio de Narrativa Breve Repsol
O Premio de Narrativa Breve Repsol está dotado con 12.000 € e a publicación da obra pola Editorial Galaxia. A entrega do Premio terá lugar antes de final de ano, nun acto público que se celebrará na cidade da Coruña.

Na primeira edición, en 2006, o xornalista Miguel Sande fíxose co galardón con “Se algún día esta muller morta” e Xavier Lama, profesor da USC e xornalista, acadou un accésit con “O insomnio dos centauros”. A gañadora da segunda edición foi a obra “Así nacen as baleas”, da escritora Anxos Sumai. Na terceira edición, en 2008, o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón polo traballo “A verdade como mal menor”.

Na cuarta, en 2010, o premio foi para o escritor Xurxo Sierra pola peza “Os fíos”. A do ano 2011, gañouna Fernando Díaz Castroverde Gómez, por “Microbios e outros paquidermos”. En 2012 fíxose co premio María López Sández, con “Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio”. Na edición 2013, o premio recaeu en Berta Dávila por “O derradeiro libro de Enma Olsen” e na edición 2014 en Santiago Lopo pola peza “A diagonal dos tolos”.
 

Comparte