Nova: Carlos Velo contará a partir de 2016 cun espazo singular no Festival Internacional de Cine de Ourense

16/11/2015

Carlos Velo contará a partir de 2016 cun espazo singular no Festival Internacional de Cine de Ourense

A programación desta nova sección fixa dedicada ao cineasta galego terá continuidade noutros puntos da provincia de Ourense con actividades nos concellos de Celanova, Cartelle e O Carballiño

Tamén se creará unha fundación que levará o seu nome e que permitirá divulgar e poñer en valor o seu legado
 

  • Anxo Lorenzo na presentación desta mañá Anxo Lorenzo na presentación desta mañá

Ourense, 16 de novembro de 2015.- O cineasta galego Carlos Velo (Cartelle, 1909 – México, 1988) contará a partir de 2016 cunha sección fixa dedicada á súa obra e figura no Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). O novo espazo –presentado hoxe en rolda de prensa polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola alcaldesa de Cartelle, Carmen Leyte; pola concelleira de Cultura de Ourense, Belén Iglesias, e por Laura Gardos, neta do cineasta– contará cunha programación propia no marco do festival, que se prolongará noutros puntos da provincia de Ourense, con actividades en Cartelle, Celanova e O Carballiño, municipios vinculados á traxectoria vital de Velo.

Aínda que a programación coa que se porá en marcha a sección, coincidindo coa vixésima primeira edición do festival, se atopa en proceso de definición, o secretario xeral de Cultura informou de que está previsto que as actividades xiren arredor de ‘Torero’, película dirixida polo cineasta no ano 1956 en México, país no que se exiliou e onde desenvolveu boa parte da súa carreira profesional.

Unha fundación para difundir o seu legado
Na rolda de prensa, celebrada no Centro Cultural Ángel Valente, a alcaldesa de Cartelle anunciou tamén a próxima constitución da Fundación Carlos Velo, unha iniciativa que nace co obxectivo de contribuír a perpetuar a memoria do cineasta e que contará coa implicación de profesionais de diferentes ámbitos vinculados coa figura de Velo, xunto co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense.

Finalmente, Anxo Lorenzo tamén lembrou que actualmente se pode visitar na Cidade da Cultura de Galicia unha exposición sobre outro ourensán universal, o fotógrafo alaricano José Suárez, representante dunha xeración de intelectuais que se converteron en figuras sobranceiras da historia da imaxe e do audiovisual galego.

Colaboración co OUFF
Promovido polo Concello de Ourense coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), entre outras entidades, o OUFF arrancou o pasado sábado 15 de novembro a programación da súa vixésimo edición coa estrea europea de ‘Lobos sucios’, do director coruñés Simón Casal.

Ademais, a Agadic tamén contribúe á programación desta vixésima edición do festival co I Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal Galicia, co lanzamento do novo catálogo ‘Films from Galicia’ e coa presentación dun avance da nova edición de ‘Cinemas de Galicia’, tres actividades especificamente dirixidas á promoción do audiovisual galego.

Comparte