Nova: As bibliotecas celebran o Día do Usuario/a con diversas actividades e recoñecementos para os lectores máis activos
10/01/2016
As bibliotecas celebran o Día do Usuario/a con diversas actividades e recoñecementos para os lectores máis activos
As bibliotecas de ámbito central territorial e a de Galicia promoven o 11 de xaneiro unha programación especial para celebrar esta data, que abre o Calendario do libro e da lectura 2016
Visitas guiadas, obradoiros, mostras e agasallos centran as propostas conmemorativas
Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2016.- Con motivo do Día do Usuario/a das Bibliotecas, o 11 de xaneiro, as bibliotecas centrais territoriais das cidades galegas e a Biblioteca de Galicia, en Santiago de Compostela, organizan diversas iniciativas dirixidas a todos os públicos para promover a celebración desta data. Visitas guiadas para coñecer os servizos que ofrece cada centro, obradoiros, mostras, recoñecementos para os lectores máis activos e agasallos para as persoas que se acheguen o luns ás bibliotecas centran a propostas conmemorativas nos centros que xestiona a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura.
Co fin de lles render homenaxe aos usuarios e usuarias, parte imprescindible deste servizo a prol da extensión da lectura e da información, as bibliotecas organizarán visitas guiadas para quen desexe coñecer os servizos, espazos e coleccións das bibliotecas. Serán na Biblioteca Pública de Santiago de Compostela Ánxel Casal ás 12:00 horas, na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola ás 11:30 horas e na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel ás 12:00 horas e ás 18:00 horas. Na Biblioteca Pública de Ourense, as visitas prolongaranse durante toda a semana, ás 10:00 e ás 16:00 horas, previa inscrición.
Carnés de “superlectores”
Os usuarios e as usuarias con máis préstamos durante o 2015, tanto infantís e xuvenís como adultos, recibirán diversos recoñecementos pola súa participación activa. As bibliotecas públicas de Ourense, de Santiago de Compostela Ánxel Casal, de Pontevedra Antonio Odriozola e de Vigo Juan Compañel nomearaos socios de honra, o que lles permitirá retirar en préstamo, durante todo o 2016, un maior número de obras, mentres que a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés premiará os seus “superlectores” con diversos agasallos, que fará extensibles ao lector/a máis novo e o de máis idade que utilizaron o servizo de préstamo ao longo do pasado ano.
Pero os “superlectores” non serán os únicos que poderán levar máis obras en préstamo. Tamén terán ocasión de gozar desta oportunidade durante un día os usuarios e usuarias que o luns 11 de xaneiro se acheguen á Ánxel Casal, á Antonio Odriozola e á Juan Compañel para conmemorar esta data.
Lecturas para agasallar
Tampouco faltarán os agasallos nesta celebración. O día 11, coincidindo tamén co quinto aniversario da apertura da Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, a Biblioteca de Galicia agasallará cun libro as persoas que visiten as instalacións.
Ademais, a Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo sorteará dous lotes de libros entre os usuarios e usuarias que utilicen os servizos da biblioteca o día 11, e regalará marcapáxinas conmemorativos desta data. Tamén sorteará a Biblioteca Pública de Ourense un agasallo entre as persoas usuarias que fagan uso ese día do seu préstamo a domicilio.
A programación conmemorativa do Día do Usuario/a completarase con mostras bibliográficas como a de ‘Libros e lecturas nas bibliotecas’, que se pode ver no segundo andar da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal ata final deste mes, e mais coa homenaxe ao labor das persoas que veñen participando no voluntariado nas bibliotecas, que terá lugar o luns, ás 20:00 horas, na Biblioteca Pública de Ourense.
Próximas celebracións do libro e da lectura
Estas son as principais iniciativas que promoven as bibliotecas de xestión autonómica para festexar o Día do Usuario/a das Bibliotecas, data que abre o Calendario do libro e da lectura 2016. Neste mes de xaneiro, a Consellería de Cultura e Educación tamén promove a celebración do Día da Ilustración, que se conmemora o 30 de xaneiro coincidindo coa data do nacemento de Castelao, e o centenario do nacemento do escritor Miguel González Garcés. Para celebrar este aniversario, a biblioteca da Coruña que leva o seu nome achegaralle á cidadanía a súa obra e figura a través dunha mostra bibliográfica.
A programación conmemorativa do Día do Usuario/a das Bibliotecas e as datas do Calendario do libro e da lectura 2016 poden consultarse en liña na Axenda de Cultura de Galicia, na páxina web www.cultura.gal