Nova: Convócanse novas axudas á tradución para apoiar a produción editorial galega

26/02/2016

Convócanse novas axudas á tradución para apoiar a produción editorial galega

A liña de subvencións bianual para a tradución de libros ao galego e do galego a outras linguas está dotada con 200.000 euros

As solicitudes poden presentarse a partir do 27 de febreiro e ata o 28 de marzo

Con estas axudas promóvese a difusión da produción intelectual e creativa de Galicia noutras culturas, ao tempo que se favorece o acceso da cidadanía galega aos textos producidos noutras linguas

Santiago, 26 de febreiro de 2016.- Co fin de favorecer a produción editorial galega, a Secretaría Xeral de Cultura convoca novas axudas á tradución de libros ao galego e do galego a outras linguas, dotadas con 200.000 euros para as anualidades de 2016 e 2017. O ‘Diario Oficial de Galicia’ publica hoxe esta liña de subvencións bianual, en réxime de concorrencia competitiva, coa que o Goberno autonómico contribúe, por unha banda, a difundir a produción creativa e intelectual de Galicia noutras culturas e, por outra, a facilitarlle ao conxunto da cidadanía galega o acceso a textos publicados orixinariamente noutras linguas, co fin de contribuír ao intercambio cultural e ao enriquecemento da sociedade. A convocatoria pode consultarse aquí.

Da dotación económica das axudas, que ascende a 200.000 euros, destínase o 60% do orzamento para a tradución desde outras linguas para o galego, mentres que o 40% restante se destina para verter obras publicadas en galego a outros idiomas. A convocatoria de subvencións fixa a contía de 20 euros por páxina, como máximo, mentres que o cómputo e a determinación da contía se realizará sobre unha páxina estándar de 30 liñas por 60 caracteres, para un total de 1.800 caracteres. A axuda non poderá superar en ningún caso os 6.000 euros.

Prazo de presentación das solicitudes
As empresas editoriais poderán presentar as súas solicitudes a partir de mañá, 27 de febreiro, e ata o vindeiro 28 de marzo.

Esta nova convocatoria de subvencións para a tradución é a primeira orde de axudas da Xunta de Galicia que se publica pola nova normativa que obriga a rexistrar o extracto na Base Nacional de Datos de Subvencións.

Obras beneficiarias na convocatoria de 2015
Na pasada convocatoria de 2015, esta liña de axudas permitiu a tradución ao galego para a súa edición de Outras estrelas uruguaias, Historia do nobre Ponto, que foi rei de Galiza e de Bretaña; Cabeza de can, A sociedade literaria e o pastel de pel, Historia de terror do tío Montague, As almas grises, A miña familia e outros animais, Bechos e demais parentes, O xardín dos deuses, Joan Salvat Papasseit musicado, À revours, Alice’s adventures in worderland, Throug the loking-glass, and what Alice found, Lumikko ja yhdeksän muuta. Desde o galego ao catalán, Poesía última de amor e enfermidade, O neno can, A verdadeira historia da mosca da tele, O meu pesadelo favorito. Ao bretón, Made in Galiza. Ao castelán, Miércoles de ceniza, La luna de la cosecha, Un tipo listo, Maternosofía o el embarazo de la escritora, Las hilanderas, El mundo secreto de Basilius Hoffmam, Cuentos del mar de Irlanda, Línea azul, Dark Butterfly. Ao inglés Os eidos, Antoloxía poética, Os comedores de patacas, Corredores de sombra, Tic tac, O corazón de Xúpiter, Ámote Leo. A estación de tránsito. E ao búlgaro, Secesión e Carne de leviatán.

Comparte