Nova: Os pequenos cascos históricos contarán cun plan estratéxico para dinamizalos
10/03/2016
Os pequenos cascos históricos contarán cun plan estratéxico para dinamizalos
Trátase de crear unha rede de conxuntos históricos de vilas e pequenas cidades e de elaborar un plan que promova un modelo urbano sustentable nesas vilas co obxecto de favorecer a súa conservación e promover a fixación de poboación neles
A redacción do plan partirá dun estudo pormenorizado e completo da situación dos centros e barrios históricos, que será elaborado por un equipo universitario multidisciplinar
Está previsto que o plan estableza diferentes liñas de actuación como axudas de apoio á rehabilitación das vivendas; a mellora dos documentos de ordenación e planificación urbana; a mellora dos servizos de comunicación e subministros de enerxía; e tamén medidas de promoción da actividade económica
- Vídeo do presidente da Xunta na rolda de prensa do Consello
Santiago, 10 de marzo de 2016.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a elaboración dun Plan Estratéxico de Dinamización dos Pequenos Cascos Históricos para favorecer a conservación nestes núcleos e promover a fixación de poboación neles.
Como sinalou o máximo responsable autonómico, na nosa comunidade hai, actualmente, 31 conxuntos históricos declarados Ben de Interese Cultural, dos cales 18 contan cun plan especial de protección, 6 non contan con este documento e outros 7 son conxuntos declarados BIC que non se corresponden con centros urbanos ou cascos vellos de cidades ou vilas.
Favorecer a conservación e fixar a poboación nos cascos históricos
Feijóo explicou que para lograr o primeiro obxectivo, o de favorecer a conservación dos cascos históricos, a redacción do plan partirá dun estudo pormenorizado e completo da situación dos centros e barrios históricos, que será elaborado por un equipo universitario multidisciplinar. Sobre esa base, como engadiu o titular da Xunta, proporase unha estratexia xeral para a promoción, o uso e a conservación destes conxuntos históricos, sempre dende o concepto de sustentabilidade e plena protección do patrimonio.
En canto ao segundo gran obxectivo, o de fixar poboación, está previsto que o plan estableza diferentes liñas de actuación, tales como axudas de apoio á rehabilitación das vivendas; a mellora dos documentos de ordenación e planificación urbana; a mellora dos servizos de comunicación e subministros de enerxía; e tamén medidas de promoción da actividade económica.
En definitiva, segundo sinalou o xefe do Executivo galego, trátase de crear unha rede de conxuntos históricos de vilas e pequenas cidades e de elaborar un plan que promova un modelo urbano sustentable nesas vilas.