Nova: Sete concertos conforman a programación do Ciclo de música relixiosa de Barcia de Mera
13/04/2016
Sete concertos conforman a programación do Ciclo de música relixiosa de Barcia de Mera
A Camerata Brigantina, Vox Stellae e a Orquestra de Cámara Galega son algunhas das propostas para a oitava edición
Mondariz-Balneario (Pontevedra), 13 de abril de 2016.- O Ciclo de música relixiosa de Barcia de Mera regresa cunha nova edición, a oitava, que ofrecerá entre os meses de abril e de setembro un total de oito concertos. Recoñecidos músicos e formacións participan na programación deste ano, que se desenvolve na igrexa barroca de San Martiño do concello pontevedrés de Covelo co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e baixo a dirección artística de Nieves García-Soto.
O cartel deste ano foi presentado hoxe no Balneario de Mondariz, nunha rolda de prensa na que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou o interese desta “programación de música clásica, ampla e de calidade”, que constitúe “unha cita musical de referencia” no calendario cultural galego.
Sete concertos entre abril e setembro
Promovido pola Parroquia de San Martiño de Barcia de Mera, o ciclo abrirá a súa oitava edición o 30 de abril coa Camerata Brigantina, un grupo de cordas dirixido por Florian Vlashi radicado en Betanzos. No mes das letras, o día 21, será a quenda do Cuarteto Schubert, formado por músicos da Orquestra Sinfónica de Galicia. Tamén proceden desta orquestra os integrantes do Trío Contrastes, que actuarán o 18 de xuño.
Para o verán, o cartel do ciclo inclúe o 23 de xullo a ópera de Mozart ‘Bastián e Bastiana’, a cargo de Vox Stellae, mentres que no mes de agosto terán lugar dúas actuacións. A primeira delas o día 15, cun concerto especial a cargo da Orquestra de Cámara Galega, con obras de Haendel, Vivaldi e Bach; e a segunda, o 27, na que o coro Vox Stellae lle renderá homenaxe a Miguel de Cervantes no cuarto centenario do seu pasamento.
A música de danza, protagonista da clausura
A clausura contará cunha novidade respecto das edicións anteriores, xa que por primeira vez se lle dedicará un concerto exclusivamente á música de danza, concretamente no século XVIII, da man do grupo Capela Finisterrae, o 17 de setembro.
O párroco de Barcia de Mera, Rafael Antela; a directora artística do ciclo, Nieves García-Soto; e o presidente da Sociedade Filharmónica de Vigo, Avelino San Luis, tamén participaron na presentación da nova edición desta cita cultural que esperta cada ano o interese dos veciños do lugar, así como do público en xeral.
O apoio da Secretaría Xeral de Cultura ao Ciclo de música relixiosa de Barcia de Mera enmárcase no obxectivo de promover programacións de calidade que permitan, ao mesmo tempo, coñecer e poñer en valor o patrimonio cultural de Galicia.