Nova: Aberta a convocatoria de subvencións para certames, ciclos e festivais escénicos e musicais afeccionados

24/05/2016

Aberta a convocatoria de subvencións para certames, ciclos e festivais escénicos e musicais afeccionados

Cultura destina un total de 50.000 euros a institucións sen fin de lucro, entidades locais galegas e agrupacións de concellos para financiar esta programación cultural en 2016

  • Nigrán Jazz 2015 foi un dos certames afeccionados que recibiu axudas na pasada convocatoria

Santiago, 24 de maio de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria de subvencións para apoiar a realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado neste 2016, dirixida a institucións sen fins de lucro, entidades locais galegas e agrupacións de concellos.

Esta orde de axudas, impulsada pola Secretaría Xeral de Cultura, está dotada cun total de 50.000 euros e nela inclúese o financiamento dos gastos correntes derivados da realización dos programas e actividades de promoción e difusión cultural desenvolvidos desde o 1 de xaneiro de 2016 ao 16 de novembro, data límite de xustificación da dita orde.

O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 23 de xuño. A axuda máxima por beneficiario será de 6.000 euros, que en ningún caso poderá exceder o 70% do orzamento total do proxecto que se vaia realizar. Este importe ascenderá a 7.500 euros cando se trate de solicitudes conxuntas de entidades locais baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión etc.).

A comisión encargada de valorar as solicitudes terá en conta como criterios prioritarios a traxectoria e interese cultural e artístico do evento, a súa singularidade e relevancia, a contribución á creación de novos públicos, a repercusión territorial da iniciativa e o seu nivel de financiamento, entre outros.

As bases da convocatoria poden consultarse no ‘Diario Oficial de Galicia’, enhttp://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160523/AnuncioG0164-060516-0001_gl.pdf

Apoio a 30 festivais en 2015
Cultura e Educación apoiou en 2015 un total de 30 festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado a través desta liña de subvencións convocada pola Secretaría Xeral de Cultura. Entre os proxectos beneficiarios da pasada convocatoria no ámbito escénico incluíronse iniciativas como a V Semana de Teatro Cómico Vila de Sarria, o Festival de Teatro Móvete, a XXX Semana do Teatro do Valadouro, Poio Escena 2015, o XXIX Festival Internacional de Danza da Asociación Sociocultural Falcatrueiros, a Semana de Teatro de Catoira, a IX Mostra de Teatro Xosé Agrelo e a mais a XVI Mostra Internacional de Teatro Amador de Palas de Rei.

En canto á programación musical, o XXV Certame de Rondallas do Concello de Mugardos, a Mostra de Música Xove de Boiro 2015, o XLVIII Concurso de Gaitas de Ponteareas, o Nigrán Jazz 2015, o XVIII Filandón de Músicas do Caurel, o Castañazo Rock 2015, o II Encontro Troianos en Compostela, o XXII Festival de Bandas de Música de Silleda, o XXII Revoltallo de Música e Cultura Xuvenil e a XXII Mostra de Instrumentos de Música Tradicional foron algúns dos proxectos que recibiron apoio a través desta liña de subvencións.

Xunto con estas axudas, a Secretaría Xeral de Cultura tamén promove unha liña de subvencións para apoiar proxectos municipais destinados a mellorar locais e instalacións de toda Galicia nos que se desenvolve unha programación cultural estable, co obxectivo de favorecer as condicións técnicas e de accesibilidade axeitadas para realización desta actividade.

Comparte