Nova: As axudas da Agadic ao talento audiovisual benefician a 13 novos proxectos de guión, curtas e longametraxes
02/06/2016
As axudas da Agadic ao talento audiovisual benefician a 13 novos proxectos de guión, curtas e longametraxes
Publícase a adxudicación destas subvencións, que destinan un total de 90.000 euros a apoiar a produción das longas presentadas por Antón Corbal, Diana Toucedo e Berio Molina
Cora Peña, Alberto Vázquez, Alexandre Cancelo, Sonia Méndez e Xoel Méndez son os adxudicatarios na modalidade de guión e Álvaro Fernández, Iván Nespereira, Olaia Sendón, Antonio García Mejuto e Carla Andrade, na de realización de curtametraxes
Santiago, 2 de xuño de 2016.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publica no seu web a adxudicación das subvencións ao desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, a través das que se distribúe un total de 145.000 euros entre 13 novos proxectos: cinco de escrita de guión, outros cinco de realización de curtametraxes e tres de longametraxes.
A Xunta de Galicia mantén así o seu investimento neste programa de axudas, pioneiro no seu ámbito dentro do panorama audiovisual español, que ten como prioridade impulsar o traballo dos novos valores galegos da creación cinematográfica. Segundo se especifica na convocatoria, o obxectivo é favorecer a xeración de novas propostas narrativas, o emprego do idioma galego no sector e o enriquecemento cultural do país mediante as distintas formas de expresión audiovisual.
Longas de novos directores
No caso da categoría de longametraxes, subvenciónanse os traballos de tres realizadores que están comezando a súa traxectoria profesional neste formato cinematográfico: ‘Vilela ou a vida na montaña’, de Antón Corbal Ramón; ‘Porto desexado’, de Diana Toucedo Crespo; e ‘7 limbos’, de Berio Molina Quiroga. Cada un destes proxectos recibirá 30.000 euros para a súa produción.
Outros 25.000 euros repártense a partes iguais entre cinco propostas de escrita individual de guión. Os adxudicatarios son María Cora Peña Hernández con ‘A serpe, Babilonia’; Alberto Vázquez Rico, con ‘Unicorn Wars’; Jorge Alexandre Cancelo Parcero con ‘Lázaro’; Sonia Méndez Alonso con ‘A vida sutil’; e Xoel Méndez Pérez, con ‘Covada (Wu Xing#2. Terra)’.
Os 30.000 euros restantes distribúense entre outros cinco proxectos de realización de curtametraxes, que percibirán 6.000 euros en cada caso. Trátase de ‘Non durmas máis’, de Álvaro Fernández Fernández; ‘Nova Galicia’, de Iván Díaz Nespereira; ‘Fisterra, carne de safari’, de Olaia Sendón Ogando; ‘Cráneo de sonos’, de Antonio García Mejuto; e ‘Gravidade e luz’, de Carla Fernández Andrade.
A relación completa das contías e persoas beneficiarias desta convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia o 28 de decembro de 2015, está dispoñible para a súa consulta a través das seccións de axudas e avisos desta web.