Nova: Nova edición do Premio de Narrativa Breve
27/06/2016
Nova edición do Premio de Narrativa Breve
O conselleiro e o vicepresidente da Fundación Repsol asinaron un novo acordo de colaboración no que se enmarca a décima edición do certame
A Xunta de Galicia segue implicando os axentes estratéxicos do tecido socioeconómico galego na dinamización social do idioma propio de Galicia
Santiago, 27 de xuño de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e mais a Fundación Repsol renovaron a súa colaboración para convocar unha nova edición do Premio de Narrativa Breve Repsol dirixido a escritores en lingua galega para o ano 2016.
Ambas as dúas entidades danlle continuidade á súa colaboración a prol da creación literaria en lingua galega por medio da organización conxunta dun dos certames que contan con máis sona no ámbito da literatura galega: o Premio de Narrativa Breve Repsol 2016. Ao abeiro do acordo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística prestaralle asesoramento técnico á Fundación Repsol na posta en marcha desta acción, ademais de apoio e difusión institucional ao certame.
No acto de sinatura pública, Román Rodríguez e Ignacio Egea estiveron acompañados polo secretario xeral de Política Lingüística e polo director da refinería da Coruña, Valentín García e Luis Felipe Llamas Gómez, respectivamente.
O premio
As novelas deberán presentarse diante da Fundación Repsol antes do próximo 30 de xullo. Os textos deberán ser orixinais e escritos en lingua galega, conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega. Todos os textos deben ser inéditos, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120. O xurado estará conformado por un representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación; outro da Fundación Repsol, un da Real Academia Galega, outro da Asociación de escritores en Lingua Galega e un da Editorial Galaxia. Establécese un premio económico dotado con 12.000 euros.
Nas edicións anteriores, fixéronse con el, en 2006, o xornalista Miguel Sande, pola obra “Se algún día esta muller”; en 2007, a escritora Anxos Sumai, por “Así nacen as baleas”; en 2008, o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro, por “A verdade como mal menor; en 2010, o escritor Xurxo Sierra, pola obra “Os Fíos”; en 2011, Fernando Díaz-Castroverde Gómez, pola obra de microrrelatos “Microbios e outros paquidermos”; en 2012, María López Sández, por “A forma das nubes”; en 2013, Berta Dávila, por “O derradeiro libro de Enma Olsen”; en 2014, Santiago Lopo, por “A diagonal dos tolos” e en 2015, Marcos S. Calveiro, por “Fontán”.
Promover o galego desde o sector empresarial
Con este acordo a Consellería volve a demostrar o seu compromiso coa dinamización do galego nos diferentes ámbitos e polo desenvolvemento das medidas precisas para garantir o seu uso social, a través da posta en marcha de accións conxuntas con outras entidades.
A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, busca así fomentar o uso da lingua galega promovendo e apoiando a súa incorporación desde as diferentes iniciativas do sector empresarial, un dos ámbitos prioritarios para a política lingüística.
A Xunta de Galicia iniciou en abril do ano pasado os trámites para a posta en marcha do primeiro Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015/2020, o primeiro impulsado desde o Goberno galego para potenciar o uso do idioma na economía baixo as directrices establecidas polo Plan xeral de normalización da lingua galega (2004).
A finais de 2015 presentouse no Parlamento o documento pactado, articulado en 84 medidas cuxo obxectivo común pasa por reforzar e aumentar a presenza do galego no sector da economía, non só para ampliar os lazos comerciais das empresas galegas, senón tamén para xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade tendo en conta o importante papel que xogan as empresas á hora de crearen comportamentos.