Nova: Danse a coñecer os IV Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco de apoio a emprendedores culturais

03/10/2016

Danse a coñecer os IV Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco de apoio a emprendedores culturais

Os proxectos gañadores son a ‘I’m a local’, unha app de visualización de pequenos produtores ou artesáns; e ‘Cake Artist’, especializado en tortas 3D

Os dous gañadores desta edición recibirán un premio en metálico de 2.000 euros e a incorporación de balde durante doce meses ao Coworking Gaiás grazas ao patrocinio de ABANCA e Afundación e a colaboración do Igape
 

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2016.- Unha app para dar a coñecer os produtos de pequenos produtores, artesáns e iniciativas locais e a aplicación da tecnoloxía 3D á repostería son os dous proxectos gañadores da cuarta convocatoria dos premios ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’. O certame, que vén de fallar a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, está promovido pola Fundación Cidade da Cultura, co patrocinio de ABANCA e Afundación e a colaboración do Igape, e o seu obxectivo é poñer en marcha ideas innovadoras no mundo das industrias culturais.

Cada un dos premiados recibirá un premio en metálico de 2.000 euros, incorporarase de balde e durante doce meses ao espazo de coworking do Centro de Emprendemento do Gaiás e recibirá apoio, asesoramento e formación durante os primeiros pasos da empresa. A entrega de premios terá lugar no Centro de Emprendemento do Gaiás o vindeiro 27 de outubro.

Esta cuarta edición dos premios ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’ recibiu unha vintena de proxectos relacionados co deseño, internet e xestión cultural. Á hora de avaliar as iniciativas, o xurado tivo en conta o carácter innovador e a creatividade da idea presentada, as posibilidades de se converter nun proxecto viable, a adecuación do proxecto á modalidade presentada, a integración de perfís profesionais dos participantes e a súa capacidade dinamizadora e o impacto na súa área de influencia.

Internet, deseño e xestión cultural

O xurado desta cuarta edición dos ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’ decidiu outorgar o galardón na área de aplicacións informáticas relacionadas co sector cultural e proxectos culturais en internet a ‘I’m a local’, unha plataforma móbil para a dar a coñecer os produtos de artesáns, iniciativas locais e pequenos produtores.

O proxecto de Alexandra Touza baséase nun servizo online no que ademais de visibilizar o pequeno comercio pretende poñelo en contacto con turistas que queren coñecer novos destinos desde outro punto de vista. Así, as empresas ou profesionais ofrecen os seus servizos na plataforma, mentres que o turista visita a plataforma, podendo adquirir eses servizos ou produtos durante a súa estanza no destino.

Na área de deseño e creación artística e plástica no ámbito cultural, o premio ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’ recaeu no proxecto ‘Cake Artist’, que traslada ao mundo da repostería as técnicas de impresión 3D. Con ampla experiencia profesional en ensino, deseño, ilustración, dirección artística e pastelería, Daniel Pérez faise co Sixto Seco cun proxecto co que busca achegar ao mundo do doce o seu transfondo artístico. Tras crear ‘Ann’, primeira e única torta 3D busto 100% comestible, Daniel Pérez aposta por seguir dando pasos adiante na conexión da repostería creativa, a arte e a alta repostería.

Finalmente, o premio na área de de xestión cultural quedou deserto.

Homenaxe a Sixto Seco

Os premios Emprende Gaiás-Sixto Seco homenaxean a figura dun promotor cultural de primeira orde como foi o médico e intelectual galego Agustín Sixto Seco. Ademais do seu papel clave na medicina galega, Agustín Sixto Seco participou desde a década dos 70 en proxectos editoriais como Galaxia, en padroados como o de Rosalía de Castro e da Fundación Otero Pedrayo, así como en institucións como Penzol, Castelao, Camilo José Cela e o Museo do Pobo Galego.

Tras a súa morte, e biblioteca e arquivo persoal deste intelectual –integrada por máis de 4.000 volúmenes que abarca desde importante exemplares dos primeiros tempos da edición galega de posguerra, especialmente de Galaxia, fondos americanos procedentes da emigración, abundantes obras sobre Galicia, así como de medicina ou temas históricos, relixiosos, políticos e literarios- forman parte da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura.

Comparte