Nova: Con barqueira e remador reúne en San Simón seis recoñecidos poetas nunha experiencia singular de intercambio literario

11/10/2016

Con barqueira e remador reúne en San Simón seis recoñecidos poetas nunha experiencia singular de intercambio literario

O galego, o croata, o ruso, o castelán, e, por vez primeira, o búlgaro e o ucraíno son os idiomas protagonistas da quinta edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética, que se desenvolverá do 17 ao 22 de outubro na illa redondelá

Dores Tembrás, Damir Šodan, Tsvetanka Elenkova, Igor Kotjuh, Miriam Reyes e Ostap Slyvynsky traducirán ás súas respectivas linguas de orixe os versos dos seus compañeiros e compañeiras

Coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura e baixo a dirección de Yolanda Castaño, este proxecto pioneiro en Galicia inclúe recitais multilingües abertos ao público en Redondela, en Vigo e en Pontevedra
 

  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na rolda de presentación do obradoiro O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na rolda de presentación do obradoiro

Pontevedra, 11 de outubro de 2016.- A illa de San Simón, en Redondela, volve ser o escenario do Obradoiro Internacional de Tradución Poética ‘Con barqueira e remador’, que celebra a súa quinta edición coa participación de seis recoñecidos poetas e tradutores procedentes de diversos países. A galega Dores Tembrás, o croata Damir Šodan, a búlgara Tsvetanka Elenkova, o estoniano Igor Kotjuh, a galega e poeta en castelán Miriam Reyes e o ucraíno Ostap Slyvynsky son os protagonistas dunha edición que se desenvolverá do 17 ao 22 de outubro baixo a dirección da tamén poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño, co patrocinio da Consellería de Cultura e Educación e do Concello de Redondela, ademais do apoio de diversas entidades.

“Cando un proxecto chega á súa quinta edición podemos presentalo, sen dúbida, xa cunha solidez manifesta, froito da experiencia de organización, do interese da iniciativa e da calidade e boa resposta ano tras ano dos participantes”, afirmou esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na rolda de presentación do obradoiro, que tamén contou coa participación de Yolanda Castaño, da concelleira de Cultura do Concello de Redondela, Teresa París; e do deputado de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal.

Intercambio cultural, literario e lingüístico
Durante a súa intervención, Anxo Lorenzo situou o obradoiro nun marco de actuación do Goberno galego dirixido a “favorecer espazos para a creación poética e, ao mesmo tempo, para o intercambio cultural, literario e mesmo lingüístico arredor da poesía”. “Nese sentido –engadiu–, a illa de San Simón, rehabilitada como lugar para a creatividade e con esa personalidade histórica de ser fonte primeira da poesía galega, parece efectivamente o lugar máis axeitado para favorecer este encontro de tradución poética”.

Alí estarán traballando coas palabras durante unha semana un colectivo de seis poetas/tradutores que terán a oportunidade de intercambiar experiencias, opinións, puntos de vista etc. Os máis deles contan xa cunha traxectoria recoñecida nas súas linguas, pero tamén noutros sistemas culturais que verteron as súas obras a outras linguas, e algúns mesmo contan con experiencia na tradución do galego ás súas linguas. Agora reuniranse en San Simón para verter, cadaquén, co inglés como idioma ponte, os poemas dos seus compañeiros á súa lingua de orixe, “un labor delicado, de consulta, de indagar en cada verbo, en cada expresión, en cada imaxe”, dixo Anxo Lorenzo.

Recitais poéticos multilingües
O elenco de autores será tamén o protagonista do programa de actos abertos e gratuítos do obradoiro, conformado por tres recitais multilingües que se desenvolverán na provincia de Pontevedra os días 19, 20 e 21 de outubro na Casa da Luz de Pontevedra, ás 20:00 horas; no Mercado Progreso de Vigo, ás 19:00 horas; e no Multiúsos da Xunqueira, en Redondela, ás 20:00 horas, respectivamente. Estes tres recitais poéticos multilingües farán soar a obra dos convidados e convidadas nas súas linguas orixinais, seguidas das traducións ao galego.

Froito do labor realizado ao abeiro do obradoiro da pasada edición, en 2015, na que participaron acaba de ver a luz a publicación ‘A illa curiosa e a tradución do universo’, coordinada por Estíbaliz Espinosa, que se presentará esta tarde, ás 20:00 horas, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.
 

Comparte