Nova: O sector editorial galego participa na Feira Internacional do Libro de Fráncfurt

19/10/2016

O sector editorial galego participa na Feira Internacional do Libro de Fráncfurt

Do 19 ao 23 de outubro, 10 empresas galegas estarán representadas no maior encontro comercial para os axentes do sector

As editoriais contan cun stand institucional da Xunta de Galicia para darlles visibilidade ás súas publicacións e para desenvolver as súas reunións de negocios
 

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2016.- O sector editorial galego participa desde hoxe, 19 de outubro, ata o próximo día 23 na Feira Internacional do Libro de Fráncfurt, o maior encontro internacional de carácter comercial do sector. Un total de 10 empresas galegas estarán representadas no stand institucional da Xunta de Galicia, no que, en coordinación coa Asociación Galega de Editores (AGE), a Consellería de Cultura e Educación lle dará visibilidade a unha mostra da produción máis recente de Edicións Xerais de Galicia, Editorial Galaxia, Ediciones Linteo, Hércules de Ediciones, Arnoia,  Baía Edicións, Urco Editora, Nova Galicia Edicións, Bolanda Ediciones e de MC Sports.

Ademais de dar a coñecer as súas publicacións, estas cinco últimas empresas tamén van estar presentes na feira e terán ao seu dispor o stand de Galicia para desenvolveren as súas reunións comerciais con axentes internacionais do sector que se darán cita na feira, principalmente co obxectivo da compravenda de dereitos editoriais.

O expositor de Galicia tamén será un punto de atención ao público e mais de difusión de materiais de promoción do libro galego, entre os que destaca o ‘Galician Books for Children & Young Adults 2016’, un catálogo publicado pola Xunta de Galicia e pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil Gálix, en colaboración coa AGE, que reúne os títulos máis recentes para os lectores novos, con información en galego, castelán e inglés sobre as editoriais, sobre as e os autores e sobre os ilustradores e as ilustradoras.

Proxección no mercado editorial internacional

Para facilitar a promoción, difusión e intercambio literario en diferentes ámbitos xeográficos de Europa e América, a Secretaría Xeral de Cultura, a través do Servizo do Libro e Publicacións, promove a asistencia a feiras internacionais do libro. En acordo coa Asociación Galega de Editores, en 2016 déuselle prioridade á presenza en catro dos principais encontros internacionais do sector. A primeira cita deste ano foi a Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, do 4 ao 7 de abril. Desde o día 21 dese mes ata o 9 de maio, o libro e a cultura galega foron protagonistas da Feira Internacional do Libro de Buenos Aires, coa designación de Santiago de Compostela como cidade convidada. Finalmente, e logo da participación no encontro de Fráncfurt, o sector editorial galego tamén estará presente na Feira Internacional do Libro de Guadalajara, en México, que se desenvolverá do 26 de novembro ao 4 de decembro.

 

A maior plataforma comercial do sector

A Feira Internacional do Libro de Frankfurt está considerada a maior plataforma internacional do comercio do libro, que ten como principal obxectivo a compravenda de dereitos editoriais. Con este fin, así como para coñecer as tendencias do sector no mercado editorial e os novos modelos de negocio, danse cita cada ano profesionais do ámbito procedentes de todo o mundo. Editores, libreiros, distribuidores, axentes literarios, ilustradores, autores, imprentas, tradutores e intermediarios do mundo editorial asisten a un encontro que abrirá tamén as súas portas para o público xeral o sábado e o domingo 22 e 23 de outubro, e que ofrecerá unha destacada programación con actividades arredor da literatura, dos escritores e dos lectores.

Comparte