Nova: Danse a coñecer os 15 creadores admitidos no Encontro de Artistas Novos de Arxentina

31/10/2016

Danse a coñecer os 15 creadores admitidos no Encontro de Artistas Novos de Arxentina

Os seleccionados, que poden consultar o listado en cidadedacultura.gal, deberán confirmar a súa praza vía mail antes do 2 de novembro

O Centro Cultural España Córdoba acollerá o primeiro EAN arxentino do 5 ao 9 de decembro, no que participarán as artistas galegas como Ruth Montiel e Carla Andrade como convidadas
 

Santiago de Compostela, 31 de outubro 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria deu a coñecer o nome dos quince creadores españois seleccionados para participar no Encontro de Artistas Novos “Cidade da Cultura” de Arxentina, que terá lugar do 5 ao 9 de decembro na cidade de Córdoba.

O equipo dirixido por Rafael Doctor, director do Encontro de Artistas Novos, destacou a calidade dos proxectos presentados para esta primeira edición no país austral, que recibiu un total de 203 solicitudes. Todos aqueles que presentaron o seu proxecto para optar a unha praza xa poden consultar o listado de seleccionados no web cidadedacultura.gal. Cultura e Educación recórdalles que deberán confirmar a súa praza antes do mércores, 2 de novembro, a través do mail encontro@cidadedacultura.org, tal e como se indica nas bases.

O Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura de Galicia – Arxentina’ abrirá un espazo para a convivencia, o debate e o intercambio de ideas entre artistas emerxentes. Os participantes disporán da oportunidade de compartir a experiencia de creadores xa consolidados e atoparán unha plataforma para dar a coñecer os seus proxectos a través da actividade Foro Aberto, onde cada un dos inscritos poderá presentar un traballo persoal.

Será Rafael Doctor, director de todas as edicións do EAN celebradas en Santiago, o encargado de coordinar, xunto coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia, a edición de Córdoba. Xunto a Doctor, o programa inclúe a participación de dúas creadoras galegas: Ruth Montiel (Palmeira, A Coruña, 1977) e Carla Andrade (Vigo, 1983).

Relacións con América Latina

A celebración do Encontro en Arxentina supón estender en América Latina esta fórmula de encontros de artistas emerxentes nacida en Santiago de Compostela. A primeira experiencia tivo lugar o ano pasado cando a Xunta levou o Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura de Galicia’ a Uruguai. Posteriormente, sumouse tamén a cidade española de Segovia.

Neste caso, a Xunta, a través da Fundación Cidade da Cultura, e o Goberno de Arxentina levarán á cidade de Córdoba o Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura de Galicia’, en colaboración co Goberno de España, a través de Cooperación Española, e tamén da Municipalidade de Córdoba, institucións que contribúen ofrecendo as instalacións do Centro Cultural España Córdoba, espazo onde se desenvolverá o Encontro.
A cooperación con Arxentina enmárcase nunha liña de actuación da Xunta, a través da súa Consellería de Cultura, que ten como obxectivo dar a coñecer e pór en valor a cultura e os creadores galegos en América Latina. Neste meta, a Cidade da Cultura está a cumprir un papel fundamental con proxectos como a exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’ que, despois da súa estrea no Museo Centro Gaiás e de pasar pola sede do Instituto Cervantes en Madrid, chegou a Bos Aires, onde se pode visitar ata o 9 de novembro no Centro Cultural Borges. A mostra viaxará posteriormente a Montevideo, seguindo as cidades que marcaron o periplo vital do xenial fotógrafo de Allariz.

Comparte