Nova: O Ramón Piñeiro incorpora nove bolseiras aos seus proxectos de investigación lingüística do galego
03/11/2016
O Ramón Piñeiro incorpora nove bolseiras aos seus proxectos de investigación lingüística do galego
O novo persoal desenvolverá o seu labor no centro dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística por un período de dous anos
Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2016.- O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) incorpora nove novas bolseiras para reforzar a liña de traballo en investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica sobre a lingua propia de Galicia nos proxectos que desenvolve na actualidade o centro de investigación adscrito á Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, deulle a benvida ao novo persoal que desenvolverá o seu labor no CRPIH, ”un referente de recoñecido prestixio desde o que se está a contribuír de forma directa ao desenvolvemento da investigación lingüística, literaria e humanística sobre o galego”, dado que “os seus proxectos de investigación elaboran recursos imprescindibles que lle dan resposta ás necesidades do conxunto da sociedade e para consulta e utilización de investigadores e público en xeral”.
Apoio á investigación lingüística
García Gómez quixo tamén destacar que “o Ramón Piñeiro apoia o labor externo doutros organismos que traballan nesta mesma dirección. É o caso do Instituto da Lingua Galega, da Real Academia Galega, do Consello da Cultura Galega ou das universidades, entidades coas que a Xunta coopera ao abeiro de cadanseu convenio de colaboración”.
Os proxectos aos que se incorporan as novas bolseiras son ‘Bibliografía da literatura galega’, ‘Fraseoloxía Galega’, ‘Corpus de referencia do galego actual’, ‘Cantigas de Santa María’, ‘Prosa literaria medieval’, ‘Terminoloxía Científico-Técnica’, ‘Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala’, ‘Base de datos do ALIR’ e ‘Dicionarios de literatura’.
Contribución á formación investigadora
Desde a súa creación en 1993, unha faceta fundamental do CRPIH é a súa contribución á formación investigadora. Nos 23 anos que leva en marcha pasaron por el preto de 500 investigadores, tanto bolseiras e bolseiros galegos que se formaron participando nos proxectos do Piñeiro, coma outros provenientes dos máis diversos países do mundo que estiveron un semestre desenvolvendo traballos de investigación propios baixo o asesoramento de directores de proxectos do centro de investigación semellantes aos seus. Moitos deles/as son hoxe doutores, profesores universitarios ou docentes no ensino medio e, dende os seus postos actuais, continúan a ofrecer importantes contribucións ao coñecemento sobre a lingua e a literatura galegas.
Actualmente, o CRPIH ten en marcha un total de 20 proxectos lingüísticos e literarios, ademais de producir obras centradas na filosofía, na socioloxía, no cine ou na ciencia política. Para alén diso, tamén no CRPIH desenvolve o seu labor o Servizo de Terminoloxía Galega (TERMIGAL), un proxecto no que colaboran a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Real Academia Galega para garantir a actualización léxica do galego e asegurar a viabilidade do seu uso en todas as áreas da vida pública.