Nova: As bibliotecas galegas de xestión autonómica superan os 214.000 usuarios
11/01/2017
As bibliotecas galegas de xestión autonómica superan os 214.000 usuarios
En 2016 rexistráronse 10.674 usuarios máis ca no ano anterior
O secretario xeral de Cultura, a secretaria territorial da Delegación da Xunta en Ourense e o alcalde da cidade das Burgas participaron hoxe na celebración do Día do Usuario/a das Bibliotecas, que contou nas catro provincias con diversas iniciativas para todos os públicos
Santiago, 10 de xaneiro de 2017.- O número de usuarios e de usuarias das bibliotecas de xestión autonómica ascendeu en 2016 a un total de 214.588, o que supón un incremento de 10.674 usuarios respecto do ano 2015. O dato coñeceuse hoxe, xornada na que as bibliotecas de xestión autonómica celebraron o Día do Usuario/a das Bibliotecas, para o que programaron diversas iniciativas. Visitas guiadas para coñecer as instalacións e os servizos que ofrecen as bibliotecas, obradoiros e sorteos de lotes de libros foron algunhas das propostas, ademais de incrementar o número de obras en préstamo para quen fixese uso do servizo durante o día.
Por centros, a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés rexistrou en 2016 un total de 39.381 usuarios, fronte aos 38.262 de 2015. Tamén se deu un aumento no número de usuarios da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, que acadou os 37.756 usuarios e usuarias (o número en 2015 foi de 34.933). Na provincia de Pontevedra, a Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel pasou dos 33.444 usuarios en 2015 aos 35.938 usuarios en 2016, mentres que a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola subiu dos 33.240 usuarios de 2015 aos 34.418 do ano pasado. No caso da cidade Lugo, a biblioteca pública rexistrou en 2016 un total de 31.589 usuarios, fronte aos 30.334 de 2015. Finalmente, a Biblioteca Pública de Ourense acadou o pasado ano a cifra de 35.506 usuarios, 1.805 máis que en 2015, con 33.701 usuarios.
Recoñecemento para os usuarios máis activos
Tampouco faltaron os recoñecementos para as usuarias e usuarios máis activos en 2016, co nomeamento de socios de honra ás persoas que fixeron un maior número de préstamos no pasado ano. Na Biblioteca Pública de Ourense, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a secretaria territorial da Delegación da Xunta de Galicia en Ourense, Silvia Dorado; e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, fixeron entrega esta tarde dos carnés de superlectores aos usuarios e usuarias máis activos en 2016, que tamén recibiron cadanseu lote de libros. Con este carné, os usuarios e usuarias de honra poderán levar un maior número de obras en préstamo ao longo deste ano.
Peche da programación con Yolanda Castaño
O peche da programación arredor do Día do Usuario/a das Bibliotecas terá lugar o sábado 14 de xaneiro, ás 18:30 horas, na Biblioteca de Galicia, onde Yolanda Castaño, unha das voces máis salientables da literatura galega actual, ofrecerá un recital poético-multimedia no que os seus versos dialogarán coa lingua audiovisual e a tecnoloxía. A asistencia ao espectáculo é de balde, previa inscrición a través de http://www.cidadedacultura.gal/gl/evento/recital-multimedia-con-yolanda-castano
O Día do Usuario/a das Bibliotecas é a data coa que abre o Calendario do Libro e da Lectura 2017, unha iniciativa promovida pola Consellería de Cultura e Educación para facilitar a planificación anual de actividades arredor das principais datas vinculadas co libro e mais coa lectura, cos obxectivos de fomentar a lectura e de reforzar o interese da cidadanía polas letras e pola cultura galegas.