Nova: Un cento de concellos rexistráronse no circuíto de espectáculos Cultura no Camiño 2017
26/02/2017
Un cento de concellos rexistráronse no circuíto de espectáculos Cultura no Camiño 2017
A Xunta promove esta iniciativa, a través da colaboración entre a Agadic e Turismo de Galicia e co patrocinio de Gadis, para contribuír á dinamización cultural das poboacións polas que discorren as diferentes rúas xacobeas en Galicia
As compañías e grupos profesionais galegos teñen de prazo ata este domingo para achegar propostas de teatro, danza, música, narración oral, novo circo ou maxia cara á configuración da carteleira que se desenvolverá do 15 de abril ao 30 de setembro
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2016.- Un total de 101 concellos inscribíronse no programa da Xunta de Galicia Cultura no Camiño para formar parte da quinta edición deste circuíto de espectáculos, que se desenvolverá do 15 de abril ao 30 de setembro. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia encárganse da organización desta iniciativa.
Ademais, este ano volven contar co patrocinio de Gadis co obxectivo de contribuír á dinamización cultural das localidades das rutas xacobeas.
Serán os programadores culturais de cada un dos municipios participantes nesta nova entrega os encargados de configurar as súas carteleiras a partir do catálogo de propostas que se porá a súa disposición a través de www.galescena.info, a web que mantén a Agadic para a xestión das súas redes de exhibición escénica e musical. A través deste mesmo portal, mantense aberto ata este domingo 26 o prazo para que formacións artísticas galegas de carácter profesional acheguen as súas propostas de teatro, danza, música, narración oral, novo circo ou maxia.
A Xunta colabora así coa actividade cultural dos municipios polos que discorren os diferentes Camiños de Santiago: Francés, de Fisterra-Muxía, do Sueste-Vía da Prata, Portugués, Portugués pola Costa, Inglés, Primitivo, do Norte, do Mar de Arousa e Río Ulla e de Inverno. Por provincias, este ano rexistráronse 35 concellos coruñeses, 26 de Pontevedra, 24 de Lugo e 16 de Ourense.
Cofinanciamento
Como nas anteriores edicións, o financiamento das actuacións realízase de xeito compartido entre a Administración autonómica e as locais, en diferentes porcentaxes de acordo co número de habitantes de cada localidade.
Co mantemento deste programa desde 2013, continúase a dar resposta á demanda cultural dun público diverso –os propios cidadáns destes municipios, así como visitantes e peregrinos– que poderá gozar de concertos e de montaxes de moi variados xéneros e formatos. Ao tempo, contribúese á dinamización da contratación dos espectáculos producidos de xeito profesional en Galicia.
En 2016 esta iniciativa chegou ata 99 municipios das catro provincias a través dunha carteleira con máis de 368 actuacións escénicas e musicais, preto dun 18% máis que no ano anterior, que se realizaron tanto en localizacións ao aire libre como en espazos pechados.