Pedro Feijoo (Vigo, 1975), filólogo de formación, desenvolveu durante anos un intenso labor no eido musical como produtor, compositor e músico en grupos como Los Feliz ou Lamatumbá. Neste mesmo terreo, publicou Viva o Fu remol! (2005), crónica sobre o presente e as circunstancias do panorama musical galego.
Narrador de lectorado fiel e entregue, a súa escrita de intriga e aventuras ten cativado os seus seguidores pola capacidade para xerar historias de acción trepidante e personaxes cos que resulta doado empatizar. Velaí a razón de que títulos como Os fillos do mar (2012) ou A memoria da choiva (2013) —ambos os dous Premio Arcebispo San Clemente e o primeiro tamén Premio Frei Martín Sarmiento— se atopen entre os libros máis vendidos do último lustro en Galicia e mesmo fosen traducidos a outras linguas.
A súa máis recente novela é Morena, perigosa e románica (2015), tal como anuncia o seu subtítulo, unha “comedia dantesca”, ben divertida e disparatada, na que dous veciños dunha comunidade deciden aliarse para perpetrar un atraco que os tire da súa vida de escasezas e limitacións.
Alén desta súa faceta novelística, Feijoo cultivou tamén a investigación literaria en obras como Cousas do «Galicia», por Castelao (1997), monografía na que aborda a presenza de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no xornal Galicia, rotativo vigués dos anos vinte do pasado século co que o célebre escritor e político, logo emigrado a Buenos Aires, mantivo unha frutífera colaboración como debuxante e caricaturista.