Ramón Villares

Ramón Villares (Xermade, Lugo, 1951) é un dos historiadores e intelectuais máis relevantes da Galicia dos últimos lustros. Catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela —da que foi reitor— e membro da Real Academia Galega, actualmente é o presidente do Consello da Cultura Galega.

Autor, en galego e español, dunha moi ampla obra nos eidos da historia agraria, cultural e política, os seus ensaios son toda unha referencia nos seus ámbitos de análise e son abondosamente citados e empregados como bibliografía indispensable para todo tipo de estudos académicos e de divulgación.

La propiedad de la tierra en Galicia: 1500-1936 (1982), Foros, frades e fidalgos. Estudos de historia social de Galicia (1991), El indiano gallego: mito y realidad de sus remesas de dinero (1984), Galicia. A Historia (1984), Figuras da nación (1997), Historia de Galicia (2004), Clío nas ondas: De libros, persoas e sazóns (2007) son algúns dos títulos deste ensayista, que ten visto como varios deles foron traducidos a diversas linguas.

Mercé ao intenso pescudar de Villares hoxe coñecemos mellor a formación da Gallaecia, a Galicia altomedieval e a da Era Compostelá, a crise baixomedieval e a Galicia do Antigo Réxime, a decadencia do XIX e a alborada modernizadora do primeiro terzo do XX, pero tamén a Galicia actual dende os anos da Guerra Civil ata os da Autonomía, pois son moitas as páxinas esclarecedoras que dedicou a Lucus Augusti como cidade ben murada, as orixes britonienses de Mondoñedo, a Compostela de Xelmírez, a Pontevedra de mercadores e mareantes, o Ferrol cidade arsenal, a Coruña liberal e republicana, o Vigo novísimo rico e anglófono, o Ourense da Xeración Nós ou a Buenos Aires máis galega e universal.

Datos de contacto